Ávila

Ávila

Capital da provincia homónima da Comunidad Autónoma de Castilla y León, situada na área de contacto entre a serra de Ávila e a Meseta setentrional, sobre o val do Adaja, a 1.126 m de altitude (47.187 h [1996]). A cidade posúe industrias derivadas da agricultura, dos tecidos de algodón, fabricación de vehículos industriais, e actúa como centro de área comercial para gran parte da súa provincia. Estivo integrada na Lusitania romana e Ávila foi ocupada alternativamente, despois do século VIII, polos cristiáns e polos musulmáns. Afonso VI reconquistouna definitivamente no 1088; logo foi repoboada por Ramón de Borgoña con xente vida de Covadela, Lara e outros lugares de Castela. Convertida nun centro de atracción da comarca, foi visitada por árabes e xudeus. A comezos do s XIV conviviron xentes das tres relixións. Durante a guerra das comunidades, foi unha das primeiras cidades que se ergueu, converténdose na sede da primeira xunta de comuneiros. A comezos do s XVII iniciou a súa decadencia aínda que foi escollida como capital de provincia dende a primeira metade do s XIX (unha das catro menos poboadas en 1996). Conserva as murallas (s XII) e o recinto medieval máis antigo e completo da Península Ibérica. Entre as súas portas destacan as de San Vicente e a do Alcázar. Monumentos importantes da cidade son: a catedral (ss XII-XIV), de tipo cluniacense, que é a máis antiga das góticas de Castela; nela traballou o arquitecto Fruchel; ten unha grande ábsida redonda fortificada que forma parte das murallas. O retablo do altar maior inclúe pinturas de Pedro Berruguete e de Juan de Borgoña. Contén ademais notables esculturas (Vasco de la Zarza) e unha fermosa custodia (s XVI) de Juan de Arfe. Son importantes a Igrexa de San Vicente (comezada no s XII), con rica escultura románica, e a Igrexa de Santo Tomás (s XV), con pinturas de Pedro Berruguete e magníficas esculturas (tumba do príncipe Xoán, de Domenico Fancelli). Destacan tamén as pequenas igrexas románicas (San Andrés, San Segundo), os conventos relacionados con santa Teresa como o de San José ou das Madres e o nomeado da Santa (s XVIII), xunto con algunhas construcións civís (pazo de Polentinos, s XVI).