avogado -da

avogado -da

(< lat advocātu ‘chamado ó carón dealguén’)

  1. s [DER]

    Persoa que ten como profesión dar o seu parecer sobre cuestións de dereito e defender intereses doutros, especialmente en causas e xuízos diante dos tribunais. Se ben a función de intervir perante o xuíz é a máis coñecida, a función de asesoramento en toda a súa extensión é a tarefa primordial de moitos avogados. A intervención obrigatoria do avogado nos procesos xudiciais está instituída para garantir os dereitos dos litigantes que non coñecen a lei nin as regras dos xuízos para defenderse eficazmente; aínda que en determinadas actuacións xudiciais de pouca transcendencia ou de pouca contía económica, está permitido que se defendan sen dirección do avogado. O avogado está obrigado a manter o segredo profesional e, se este é violado con mala fe, comete un delito castigado no código penal. Se ten unha actuación contraria á ética profesional pode ser sancionado polo colexio respectivo. A relación do avogado e o seu cliente está conceptuada actualmente como un arrendamento de servicios polo que o avogado pon os seus coñecementos ao servicio dos intereses do cliente, e este está obrigado a remuneralos segundo os honorarios. No estado español esíxese para exercer a profesión o título de licenciado en dereito, ser maior de idade e a incorporación a un colexio de avogados. A organización da profesión de avogado está regulada polo Estatuto Xeral da Avogacía, polas disposicións que regulan o Consello Xeral da Avogacía e polas normativas xerais que regulan os colexios de avogados. Ademais cada colexio de avogados ten os seus estatutos.

  2. s

    Persoa que fala en defensa doutra.

  3. s [DER/RELIX]

    Título aplicado especialmente á Virxe e, por extensión, a determinados santos a quen a devoción popular atribúe un poder sobre determinadas necesidades ou algún tipo de protección.

    Ex: Santo Antón é avogado dos animais e dos partos.

  4. avogado da igrexa [HIST]

    Dende a época carolinxia, defensor ou protector de cabidos catedralicios e de mosteiros. Eran escollidos entre os señores poderosos con xurisdición civil ou militar. Foron suprimidos no s XII.

  5. avogado defensor [DER]

    Avogado que defende un litigante, especialmente nun proceso penal.

  6. avogado de oficio [DER]

    Avogado normalmente designado por un xuíz ou por un tribunal por medio do colexio de avogados local para a defensa do litigante, que o debe solicitar, a quen se lle concedeu o dereito de xustiza gratuíta, ou para a defensa do acusado ou inculpado que nun proceso penal non o designa voluntariamente.

  7. avogado do demo [RELIX]

    Nome popular do fiscal promotor da fe nas causas de canonización.

  8. avogado do estado [DER]

    Letrado do estado.

  9. avogado dos pobres [HIST]

    Avogado que aseguraba gratuitamente a defensa do que non podía pagar.

  10. avogado laboralista [DER]

    O especializado en relacións laborais.

Frases feitas

  • Avogado das silveiras. Persoa que induce a outras a preitos ou a disputas, actuando de mala fe ou perseguindo algún tipo de interese persoal.

  • Avogado do diaño. Defensor dunha causa que ten poucas posibilidades de ser defendida.

  • Falar un avogado/máis ca sete/un barbeiro/un sacamoas. Dise do que fala moito.

  • Ser avogado dos pobres. Ser xeneroso cos demais.

Refráns

  • A consulta do avogado hai que lela con coidado.
  • Cando toma corpo o diaño, vístese de avogado.
  • O bo avogado non é bo veciño.
  • O bo avogado non é mal veciño.
  • O que vai ao avogado poucas veces volve desconsolado.
  • Ó teu avogado non o traias enganado.