Axeitos, dolmen de
Situado na parroquia de Oleiros (Ribeira), popularmente coñécese co nome de Pedra do Mouro. Tense sinalado como a máis estética das antas galegas, chegando a ser comparada por García Bayón co Partenón. Carece de mámoa e ten planta poligonal, formada por sete chantas, todas elas imbricadas, e a tampa. A cámara ten unhas dimensións aproximadas de 3,20 m no eixe N-S e 2,40 m no L-O; así mesmo a súa altura é de 1,90 m. A tampa, sostida por tres chantas, ten forma ovalada e faise máis estreita cara ao S; as súas dimensións son 4,50 x 3,10 m e un grosor máximo de 60 cm. Conserva dúas laxes do corredor soterradas, dispostas ao longo de 1,50 m e orientadas cara ao L. Non se teñen noticias de achados no seu interior, pero si da existencia dun petroglifo que contén representacións de cápidros no seu contorno inmediato. Pola forma e magnitude desta mámoa pertence ao Megalitismo de apoxeo. Foi declarado Ben de Interese Cultural o 11.3.1978.