Azaña Díaz, Manuel
Político e escritor. Membro dunha familia da burguesía acomodada, estudiou Dereito nas universidades de Madrid e Zaragoza, doutorándose en 1900. Foi funcionario da Dirección Xeral de Rexistros e Notariado, e exerceu os cargos de secretario do Instituto de Dereito Comparado e secretario do Ateneo de Madrid, do que foi Presidente en 1930. Militante no reformismo de Melquíades Álvarez, pasou ás filas do republicanismo e fundou Acción Republicana en 1925. Opúxose á ditadura de Primo de Rivera e despois da caída deste, asinou o Pacto de San Sebastián (17.8.1930). Membro do Comité Revolucionario de 1930 ao proclamarse a República (14.4.1931) formou parte do goberno provisional como ministro de Guerra. En outubro de 1931 foi nomeado Xefe de Goberno pero mantivo a carteira de Guerra. O bienio azañista (outubro 1931-setembro 1933) caracterizado polo reformismo (reorganización do exército, disposicións relativas ao culto e ao clero, estatutos de autonomía, reforma agraria, etc) respondeu basicamente ás aspiracións de Azaña. A coalición dos radicais de Lerroux e a CEDA de Gil Robles, que gobernou despois das eleccións de novembro de 1933, esforzouse en derrubar a obra de Azaña que, a raíz da insurrección do 6 de outubro de 1934, foi encarcerado e procesado. Desta crise saíu fortalecido politicamente. Reorganizou o seu partido e fundou Izquierda Republicana, partido que incluía aos radical-socialistas e a ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma). Negociou cos socialistas e cos comunistas o Frente Popular e gañou as eleccións de febreiro de 1936. Presidente do goberno, en maio foi elixido Presidente da República, cargo que exerceu durante a Guerra Civil ata febreiro de 1939. Trala caída de Catalunya exiliouse en Francia e renunciou á Presidencia. Así mesmo, destacou no eido do xornalismo colaborando nos xornais El Imparcial e El Sol; dirixiu as publicacións España, na súa última etapa (1922) e La Pluma (1920-1924). A súa primeira obra é un ensaio titulado Estudios de política francesa contemporánea. La política militar (1919). Escribiu diversos ensaios sobre Juan Valera e Pepita Jiménez: Vida de Don Juan Valera (Premio Nacional de Literatura, 1926), Valera en Italia. Amores, política, literatura (1929). Autor de novelas como El jardín de los frailes (1926) e Fresdeval, escribiu tamén un drama La Corona. Realizou as traducións das Memorias de Voltaire e La Biblia en España de George Borrow. Os volumes Plumas y palabras (1930) e La invención del Quijote y otros ensayos, recollen a súa obra ensaística. En 1966-1968 publicáronse en México as súas Obras Completas. En 1998 editouse en España o seu Diario.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Alcalá de Henares -
Deceso
Lugar : Montauban