Azougue, Santa Mariña de
Azougue, Santa Mariña de
Igrexa tardogótica de finais do s XIV, erixida sobre unha construción anterior do s XII, da que se conserva a portada de acceso. Mandouna construír Fernán Pérez de Andrade no mesmo lugar no que se celebraba o mercado de Azougue (Betanzos), que se facía no adro do recinto eclesiástico anterior. Trátase dun edificio de planta basilical de tres naves con armazón de madeira, transepto do mesmo ancho e tres ábsidas semipoligonais cubertas con bóveda de crucería. No tímpano da portada occidental existe unha representación da Epifanía e da Anunciación. No interior conserva un retablo do s XVIII, obra do escultor local Ignacio Francisco Gómez Soneira. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1944.