Babarro González, Xoán

Babarro González, Xoán

Escritor e catedrático de Lingua e Literatura Galega. Traballou activamente a prol da normalización lingüística e cultural no mundo escolar por medio da redacción de manuais de ensino como As nosas letras (1978) e Volvoreta (1979). No ano 1994 obtivo o grao de doutor cunha tese sobre o galego asturiano. A partir de entón a súa actividade normalizadora ampliouse coa publicación dunha serie de traballos sobre a defensa e recuperación do galego da franxa exterior na revista A Freita, órgano da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca. Como autor de literatura infantil iniciou a súa andaina nos anos setenta cuns relatos na revista Vagalume. Acadou o I Premio O Facho 1974 de contos infantís con Zoca zoqueira. Actualmente dirixe a colección “O Trolebús”. Como autor dramático publicou Teatro todo o ano (1978), texto dirixido aos máis pequenos no que recolle elementos da dramaturxia popular relacionados coas festas do ano agrícola e outras celebracións tradicionais; e escribiu a versión galega da peza de Angels Garriga O testamento do tío Nacho (1982). No eido da narrativa destacan, entre outros títulos: Crónicas dos catro viaxeiros (1989), O dragón de Gondomil (1989), Kumamoto Canchés, o meu robot xaponés (1991), A aldea das catro primaveras (1993), A princesa do cabaliño café (1994), Dez eran dez (1996), Cuco, cuquelo, que tes no fardelo? (1998) e A tea de araña que todo o apaña (1998). En colaboración coa súa muller, Ana Mª Fernández, ten publicado abundante material didáctico, así como creación literaria, contos infantís, pezas de teatro, etc: Primer libro con Malola (1985, Premio Barco de Vapor), Grande invento para saír do aburrimento (1987, Premio O Facho de Teatro) e Barrigaverde e o dragón Achís (1990, Premio Barco de Vapor).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Calvelo de Maceda