Asociación de Escritores en Lingua Galega
Institución creada no ano 1980 en Santiago de Compostela destinada a “defender os intereses da práctica escrita en galego”. Na xuntanza de fundación organizada no Museo do Pobo Galego estiveron presentes, entre outros intelectuais: Bernardino Graña, Carlos Casares, Alfonso Pexegueiro, Xoán Ignacio Taibo, Paco Martín, Salvador García-Bodaño e Luís Álvarez Pousa. A esta asociación pertenceron Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Valentín Paz Andrade, Ricardo Carballo Calero, Xosé María Álvarez Blázquez e Celestino Fernández de la Vega. Foron os seus presidentes, ademais de Bernardino Graña, Antón Avilés de Taramancos e Uxío Novoneyra. Esta asociación instituíuse como órgano superior de representación e defensa dos intereses profesionais do escritor en lingua galega, amais de impulsor de toda manifestación cultural progresista nunha liña de desenvolvemento da comunidade nacional galega. Ademais destas, tenta crear un vencello de cooperación e de solidariedade entre os escritores, traballar a prol da normalización do feito literario e estimular o coñecemento das letras galegas dentro e fóra do país. En maio de 1981, coa asistencia de Carballo Calero e Rafael Dieste, celebrouse en Poio o I Congreso de Escritores en Lingua Galega. Tres anos despois, no verán de 1983, viu a luz o primeiro número da revista Escrita, publicación da que se editaron seis números. Posteriormente, publicouse a revista No e Contemporánea. Esta institución participou no I Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns (Galeuzca) que se celebrou en Barcelona. Ao longo destes anos organizou diferentes congresos e xornadas, así como numerosos actos especializados en materia literaria. Membro do European Writers Congress e representada no Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), a AELG foi convidada pola Academia Sueca a partir do ano 1999 a presentar un candidato oficial de Galicia ao Premio Nobel de Literatura. Con carácter anual outorga a un escritor vivo a Letra E, máximo galardón da entidade dentro dun conxunto de actos denominados “O escritor na súa terra”. Foron premiados pola AELG Antón Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Manuel María, María Xosé Queizán e Xosé Neira Vilas.