Asociación de Gaiteiros Galegos
Creada o 9 de febreiro do 1989, a súa sede social atópase en Melide. A xunta xestora que levou a cabo os trámites de legalización estaba dirixida por Ricardo Portela Bouzas. O primeiro presidente trala súa creación foi Xosé Vicente Ferreirós. Dende 1993 o presidente é Santiago Caneiro Aneiros. O seu obxectivo fundamental é traballar a prol da gaita e tratar de conseguir a súa dignificación, recuperación e divulgación como sinal de identidade de Galicia. Desenvolve anualmente un Festival Anual que se celebra en distintas cidades galegas: Santiago (1991), Lugo (1992 e 1999), Ourense (1993) e Vigo (1994). Como actividades realizou a exposición monográfica O Gaiteiro nas Artes, inaugurada en Ourense en 1993 con caráter permanente e no 1994 con carácter itinerante; e a Mostra de Feitores (Festival de Pardiñas-Guitiriz, 1994 e 1999), en colaboración coa Asociación Xermolos, na que se recolleu o traballo dos artesáns de instrumentos tradicionais galegos.