Aragonta, santa

Aragonta, santa

Nobre galega, da familia dos condes de Deza, sobriña de santa Ilduara e tía de san Rosendo. Sendo nova casou con Ordoño II, Rei de Galicia entre os anos 910-914 e logo de León, quen non tardaría en repudiala. Daquela, Aragonta retirouse ao mosteiro de Salceda de Caselas, onde levou unha vida relixiosa e edificante, baixo a dirección espiritual do seu parente, santo Hermenexildo. Antes de morrer envioulle un recado ao seu sobriño san Rosendo coa fin de que acudise ao mosterio para axudala a pasar o tránsito da morte pero, segundo a lenda, xa non tivo tempo a chegar: cando estaba preto da Franqueira escoitou unhas voces celestiais que cantaban o Gloria; con este aviso divino san Rosendo decatouse de que a súa tía acababa de morrer. O culto de santa Aragonta, centrado na zona do Baixo Miño, foi especialmente mantido pola orde bieita, non obstante non figura no santoral.