Balcánica, Península

Balcánica, Península

A máis oriental das tres penínsulas meridionais de Europa, ocupada polos estados de Albania, Grecia, Bulgaria, Eslovenia, Croacia, Bosnia-Herzegovina, Iugoslavia, Macedonia e o territorio europeo de Turquía. O seu límite setentrional está formado pola terminación oriental dos Alpes centrais, a planicie húngara e a cunca do Danubio. Está rodeada polos mares Adriático, Xónico, Exeo, de Mármara e Negro. A península está constituída por un núcleo central flanqueado por serras de dobramento alpino: os Alpes Dináricos e os montes Balcáns. Os ríos da península son xeralmente curtos e teñen que franquear as montañas por desfiladeiros fondos. As costas son moi recurtadas, especialmente as dos mares Adriático, Xónico e de Mirto, bordeadas por numerosas illas. A flora da Península Balcánica é unha das máis ricas de Europa. A fauna é unha mestura de tres elementos principais: as formas mediterráneas dominan ao S e ao SO, as especies de estepa orixinarias de Asia atópanse nas terras baixas do L e no interior da península, e as especies da Europa central só nas montañas máis elevadas. A Península Balcánica constitúe a maior parte da rexión dos Balcáns.