Balneario de Mondariz

Balneario de Mondariz

Situado na vila de Mondariz-Balneario, posúe dous mananciais, Troncoso ou Saidoiro e a Gándara. Durante a Idade Media, as súas augas foron utilizadas polos moradores do Castelo de Sobroso. En 1772 Pedro Gómez de Bedoya mencionaba a existencia de fontes en Mondariz; sen embargo, non foi ata 1862 cando Domingo Blanco Lage descubriu a fonte do Troncoso. En 1871, realizáronse obras de captación de augas no manancial da Gándara, descuberto por Enrique Peinador Vela, quen logrou que fosen declaradas de utilidade pública o 16 de xuño de 1873. A partir dese momento construíuse o Gran Hotel-Balneario, obra de Jenaro de la Fuente, destruído por un incendio o 9 de abril de 1973 e o templete clásico que serve de cuberta á fonte da Gándara, obra de Antonio Palacios. Enrique Peinador procurou, ademais, facer de Mondariz un ‘pazo mundial das augas’, onde converxesen a cultura, a arte e a medicina, para o que contou co apoio da clase política da Restauración borbónica (Montero Ríos, Bugallal, González Besada, Riestra, etc), que optou por pasar os seus días de descanso nos balnearios galegos. Este feito facilitou, ademais, a creación do concello de Mondariz-Balneario en 1925. A actividade cultural que se desenvolveu ao abeiro do balneario foi moi intensa. Así, en 1898 promoveron o semanario La Temporada, desaparecido en 1931, onde publicaron Manuel Murguía, Alfredo Vicenti, Ramón Cabanillas, Federico Maciñeira, etc. Así mesmo, en 1920, cando acudían ao balneario unhas 4.000 persoas, celebrouse no salón de actos do Hotel o acto de recepción de Antonio Rey Soto e Ramón Cabanillas como membros da Real Academia Galega, así como unha homenaxe a Manuel Murguía. Tamén editaron, entre outras, Estoria do Bendito San Amaro que foi chamado no mundo o cabaleiro de Arentei (1925), romance de Ramón Cabanillas con debuxos de Castelao, e Na noite estrelecida (1926), tamén de Cabanillas e Castelao. A finais da década de 1990 construíronse novas e modernas instalacións.