Baltar Santos, Arturo

Baltar Santos, Arturo

Escultor. Formouse nun taller de imaxinería, onde, na realización de imaxes e na restauración de retablos, coñeceu o traballo sobre madeira. Foi alumno de Antonio Faílde na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Interesouse polo tratamento de tipos da vida cotiá, sempre resoltos cunha técnica próxima á da talla en pedra que facía o artista medieval ou á propia imaxinería tradicional galega. Destaca a súa obra de produción de retablos e beléns, onde quedaron resumidas as súas propostas estéticas expresionistas, sempre sobre figuras de pequeno formato, representación dos tipos populares galegos.

A súa obra máis representativa é o Belén de Baltar ou Belén de Ourense exposto dun xeito permanente na Capela de San Cosme e San Damián ourensana. En 1967, a Asociación de Belenistas de Ourense encargoulle a realización dun belén con personaxes galegos. As primeiras trece pezas, expostas en 1967 nos soportais da Casa do Concello, foron aumentando co paso dos anos e en 1980 instaláronse na súa localización actual. As figuras, realizadas en barro cocido, reproducen edificios relixiosos, militares e civís da provincia de Ourense, núcleos urbanos tradicionais, oficios artesanais, labores agrícolas e personaxes populares de comezos de século. O conxunto está acompañado por murais paisaxísticos de Xaime Quessada e por escenas ourensás de Virxilio.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Quintás de Barra, Coles

  • Falecemento

    Lugar : Cachamuíña, O Pereiro de Aguiar