báltico -ca

báltico -ca

(< topónimo Báltico)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao Mar Báltico.

  2. s [HIST]

    Habitante de estirpe alemá das provincias bálticas do Imperio Ruso. Os bálticos proveñen da poboación urbana das fundacións hanseáticas, da pequena nobreza rural descendente de cabaleiros xermánicos secularizados no s XVI e en menor proporción da colonización rural. O sector aristocrático (baróns bálticos) exerceu unha grande influencia política dentro do Imperio Ruso. SIN: xermanobáltico.

  3. [LING]
    1. s m

      Nome utilizado para designar a lingua orixinaria do grupo das linguas bálticas modernas.

    2. s f

      Familia de linguas incluída no subgrupo balto-eslavo e no grupo indoeuropeo que se compón de tres linguas principais, o letón (que conta con 1.500.000 falantes) e o lituano (cuns 3.000.000 falantes), moi estreitamente relacionados, e o prusiano antigo, que desapareceu no s XVII e non foi moi coñecido. A existencia das linguas bálticas, moi especialmente a do lituano, alcanzou unha importancia decisiva na constitución do indoeuropeísmo, xa que se trata de linguas moi arcaizantes e, polo tanto, o seu testemuño ten un enorme valor.

  4. escudo báltico [XEOG]

    Rexión que comprende unha parte de Noruega, Suecia, Finlandia e da península de Kola, en Rusia. Está constituída por materiais precámbricos que non se dobraron dende o Cámbrico.

  5. grupo humano báltico/bielo-báltico/esteurópido [ANTROP/FISIO]

    Grupo humano leucodermo, do subgrupo braquicéfalo, que se localiza en Europa oriental e nororiental, aínda que se espallou polo norte e o centro de Asia. Caracterízase pola súa pigmentación moi clara de pel, cabelos de cor loiro-cincenta e iris con frecuencia azulado. A estatura promedio é de 170 cm e a constitución predominante é a braquiomorfa. Ten malares relativamente prominentes e nariz polo xeral curto con perfil cóncavo. Non son homoxéneos antropoloxicamente, polo que se distingue unha serie de “complexos”, variantes tomadas por combinacións de varios caracteres somáticos, como o complexo báltico propiamente dito (países bálticos), o complexo esteurópido (Moscova), o complexo do alto Dniéper (Bielorrusia) ou o complexo das estepas (baixo Volga). Cómpre salientar, sen embargo, que esta clasificación non se sostén coa introdución de marcadores xenéticos.