Báltico, Mar

Báltico, Mar

Mar interior do N de Europa, pertencente á conca do Océano Atlántico, que se estende ata Dinamarca e Suecia, polo O, e ata Finlandia, Estonia e Rusia, polo L. Baña polo S a Polonia e Alemaña, e polo N a Finlandia e Suecia. Comunica co Mar do Norte por medio dos estreitos de Kattegat e Skagerrak, e polo canal de Kiel. Abrangue unha superficie de 420.000 km2 e a lonxitude estimada da súa costa é de 9.200 km. A profundidade máxima é de 463 m e a profundidade media de 60 m. A súa baixa salinidade facilita a formación de xeo, o que orixina a paralización do tráfico nalgúns portos. Copenhagen, Estocolmo, Gdánsk, Klaipeda, San Petersburgo, Helsinqui e Riga son os portos máis importantes. A situación periférica do Báltico respecto da parte occidental de Europa e o carácter case lacustre deste mar provocou que diferentes potencias intentaran exercer un dominio hexemónico sobre o seu ámbito e controlar os estreitos que pechan a entrada. As terras bálticas foron o lugar de pobos que máis tarde se estenderon por Europa, como pasou con moitos dos chamados pobos bárbaros, sobre todo os viquingos, saqueadores das costas atlánticas, e os varegos, piratas e comerciantes procedentes de Suecia. Unha vez que se converteron ao Cristianismo, os suecos levaron a nova relixión aos pobos fineses e colonizaron tamén a zona entre o golfo de Riga e o Vístula; sen embargo, tivéronse que retirar ante a oposición dos alemáns e dos dinamarqueses. Ao mesmo tempo, a Hansa estendía o seu dominio comercial pola parte superior do Báltico, impulsaba o comercio e creaba unha rede de cidades, base do seu poder (Visby, Rostock, Stralsund, Gdánsk). No s XVI a hexemonía pasou a Polonia, Suecia e Rusia. A unión sueco-polaca, que se formou contra a expansión rusa, preparou a hexemonía sobre o Báltico da Suecia de Gustavo Adolfo a partir de 1625-1630. A decadencia desta hexemonía estivo ligada á aparición do novo estado prusiano. A Paz de Nystad marcou o inicio da época de equilibrio no Báltico (Dinamarca, Suecia, Prusia e Rusia), mentres que o comercio estaba acaparado, sobre todo, polos holandeses e polos ingleses (s XVIII).