bambú
(< malaio bāmbū)
-
s
m
[PLANTA]
Arbusto graminoide da subfamilia das bambusoideas pertencente á familia das poáceas. Os talos son longos e articulados, alcanzando grande altura nalgunhas especies; así, a Gigantochloa maxima, na illa de Xava, acada máis de 40 m. As follas son longas e lanceoladas e as flores bisexuais dispóñense en panículas de espiguiñas. Os bambús son orixinarios de case todos os países tropicais, especialmente os da rexión monzónica da zona oriental de Asia. Pola súa resistencia, utilízase como madeira para a construción e na zona oriental de Asia serven para a elaboración de pontes, embarcacións, ferramentas domésticas, instrumentos de música, etc. O bambú tamén ten utilidade na fabricación de papel, e foi utilizado como material de escritura nos países da parte meridional de Asia. Os brotes tenros son comestibles e constitúen un ingrediente esencial nos hábitos culinarios dos países asiáticos, dende a India ao Xapón, empregándose con gran profusión e en preparacións moi diversas. En Galicia atópanse as especies Arundinaria japonica e Phyllostachys nigra, de orixe asiática e con utilidades na agricultura, como arxóns, ou en xardinería. Estas reprodúcense de forma vexetativa por rizomas e rara vez producen flores.
-
s
m
[ESPECT]
Nome do balancín utilizado na Antigüidade polos acróbatas xaponeses.