banca
(
-
s
f
Asento semellante ao banco que pode presentar distintas características de forma e tamaño.
-
s
f
Mesa empregada nos mercados públicos para vender as froitas, legumes e demais comestibles.
-
s
f
Mesa grande de madeira.
-
s
f
[ETN]
Caixón de madeira onde as lavandeiras se colocan para lavar a roupa.
Ex: Aínda conserva aquela banca que a súa nai levaba sempre ó río.
-
s
f
[XOGO]
Totalidade de diñeiro apostado nos xogos de salón, que está sobre a mesa.
-
[ECON]
-
s
f
Entidade bancaria, normalmente de pouco volume, chamada tamén casa de banca.
-
banca islámica
Tipo de banca que axusta a lei islámica á súa actividade financeira, co obxectivo de non pagar nin cobrar xuros. Os depositarios reciben unha parte da plusvalía que orixinou o crédito e participan nunha parte do risco. O primeiro banco foi o Nasser Social Bank (1971), na actualidade hai máis de cincuenta nunha vintena de estados.
-
s
f
Conxunto formado polas entidades financeiras, os banqueiros e as súas actividades, que constitúen o chamado sistema bancario. A banca ou sistema bancario depende basicamente do sistema económico e da etapa de desenvolvemento do mesmo na que está inmerso cada país. Nun país capitalista desenvolvido a banca está organizada, en liñas xerais, por un banco central, que depende da administración do estado, uns organismos oficiais de crédito e uns bancos privados que, xunto con outras institucións financeiras, como as caixas e a bolsa, constitúen o sistema financeiro. A banca nos países socialistas está totalmente estatalizada e funciona como un dos mecanismos reguladores do plan económico. O conxunto de actuacións que a banca leva a cabo dentro dunha realidade económica, sexa nun país ou nun grupo de países, está integrado nun conxunto de institucións (banca, caixas de aforros ou de crédito, bolsa, compañías aseguradoras, etc) que entre todas, intentan equilibrar as necesidades do investimento a efectuar entre o aforro existente e o indispensable. Nos últimos anos (1996-1997) a compartimentación de actividades (bancos industriais, comerciais, caixas, etc), moi corrente anos atrás (1950-1980), deu paso a unha liberalización operativa que tendeu a reducir barreiras de actuación financeira, conservando, non obstante, a vocación de cada entidade. Foi un proceso que dende os EE UU se estendeu rapidamente polos países occidentais. Posiblemente a súa orixe haxa que buscala no aumento constante dos prezos, nas necesidades de defenderse da depreciación monetaria e dos excesos de tesourería dalgunhas empresas, pero o certo é que diversas entidades financeiras, e esencialmente a banca, non foron capaces de responder con rapidez a estes novos problemas e a subseguinte creación de alternativas produciron as outras organizacións que ocuparon o espacio baleiro. Como resultado do proceso apareceron os fondos monetarios, o desenvolvemento dos mercados monetarios, as tarxetas de crédito, o feito de que algunhas cadeas de distribución organicen os seus propios sistemas de pagamento e de aforro, os mercados de futuros, etc. Son novos intermediarios que crean unha gran diversidade de activos financeiros, indirectos e moi fáciles de comprar e de vender. Orientan os investimentos de tal xeito que drenen unha parte dos recursos que anos atrás dunha maneira natural facían ingresar en contas bancarias. As súas operacións van acompañadas da tecnoloxía máis avanzada e así aproveitan de xeito moi eficaz a telecomunicación, a telemática e a automatización e crean fluxos constantes de cartos. Desta maneira a intervención financeira chega a ser unha actividade produtora de servicios, case unha actividade industrial da que a súa capacidade innovadora marca as pautas de rendibilidade. Pouco a pouco a banca tradicional, temendo que a súa cota de mercado de intermediación financeira se reducise, reaccionou. Comezou coa utilización das mesmas técnicas e cunhas accións operativas similares. Logo se intentou reorganizar o marco institucional, adaptándoo á nova realidade. Toda a etapa liberalizadora iniciada no mercado financeiro español entre os anos 1974 e 1977, e que aínda continúa, enmárcase neste contexto. Así apareceu a tendencia a facer que o espazo de intermediación financeira da banca siga establecido por un conxunto de entidades de grande alcance ou grandes bancos cunha proxección internacional importante e que procuran realizar todo o abano de operacións posibles. En segundo lugar hai unha serie de bancos máis pequenos nos que a proxección internacional sería menor e terían, en cambio, máis importancia o espazo territorial que ocupan. Finalmente, existe un conxunto de bancos moi especializados e competentes en materias máis concretas. Dos resultados de todos estes cambios do gran abano de institucións que integran o sistema financeiro, pénsase que as vantaxes máis inmediatas serán unha mellor asignación dos recursos financeiros e unha redución nos custos de intermediación.
A banca precapitalista
O templo vermello de Uruk, en Sumer, considérase o edificio bancario máis antigo coñecido (3400-3200 a C). Recibía donativos e ofrendas, tiña propiedades e dispoñía de recursos que facía frutificar, concedendo préstamos en especies. A primeira regulamentación bancaria documentada é o Código de Hammurabi. A partir do s V a C xa consta a existencia en Grecia de pequenos cambistas, os trapezitēs, que efectuaban o cambio de moeda e facían pequenos préstamos en diñeiro. Ademais destes, tamén se levaban a termo operacións de banca nos templos e se crearon bancos públicos en cada cidade ou polis. Os banqueiros gregos inventaron o cheque e practicaron a función de custodios dos cartos. En Roma, os argentarii continuaron a tradición dos trapezitēs gregos e enriquecérona co refinamento xurídico romano. Nos límites do imperio actuaron uns banqueiros estranxeiros, a miúdo xudeus, coñecidos como negotiatores. O comercio a grande escala e o crédito desapareceron na economía pechada en que se mergullou o Occidente europeo a partir do s V d C e durante a Alta Idade Media. A unidade monetaria de Roma foi substituída por unha gran diversidade de moedas, motivo polo cal a función dos cambistas, chamados banqueiros polo banco no que operaban, se fixo moi necesaria. A partir do s XI a actividade crediticia renaceu en Italia baixo a protección do Papado. Os grandes banqueiros da época foron os cabaleiros da orde do Temple, financeiros das cruzadas. As feiras medievais tiveron grande importancia no desenvolvemento do negocio bancario. Fixeron nacer, de feito, a letra de cambio e a práctica do desconto. Foi nas cidades italianas, a partir do s XII, onde apareceu a banca de tipo moderno. Siena foi a primeira, pero a máis importante foi Florencia. Os banqueiros florentinos, que eran comerciantes de tecidos, recibían depósitos de particulares e financiaban grandes operacións comerciais das cidades e dos reis. Foron banqueiros dos reis de Inglaterra, e a guerra entre este país e Francia foi a causa do seu afundimento. Con estes banqueiros privados coincidiron bancos públicos das cidades, os máis importantes foron a Casa di san Giorgio, en Xénova, e a Taula de Canvi, en Barcelona. No período de transición á Idade Moderna tiveron sona tres grandes banqueiros, estreitamente vinculados ao poder político: Jacques Couer en Francia, os Medici en Florencia e os Fugger, banqueiros do Emperador Carlos V. Os grandes bancos de depósito creáronse no s XVII: o Banco de Amsterdam en 1609, o de Hamburgo en 1619 e o de Venecia. Estes bancos recibían os depósitos de metais preciosos e facilitaban as operacións sobre eles. Aseguraban os xiros das letras e os pagamentos da clientela. O banco de Venecia mesmo entregaba recibos de modelo uniforme a todos os depositantes, dunha contía variable segundo o depósito. Estes recibos, que producían xuros, eran pagables nas súas caixas, á vista, ao portador. O Banco de Estocolmo, para evitar o inconveniente que representaba para a circulación dos billetes o feito de que estivesen suxeitos a un vencemento e o feito de teren que calcular os intereses en cada transmisión, decidiu a emisión de billetes ao portador, con carácter de certificados de depósito, pero sen xuros. Na mesma época, os banqueiros-ourives ingleses fraccionaron os certificados de depósito en partes de igual contía, que circulaban de man en man. En 1672 o non reembolsamento dun crédito por parte do Rei Carlos II puxo en dificultades os ourives, feito que levou á creación dun banco de emisión nacional, o futuro Banco de Inglaterra. En Francia, a Banque Générale, banco fundado por John Lawcun grazas a un privilexio de emisión de billetes que se lle concedera por un prazo de vinte anos, quebrou en 1720; a raíz diso, o público perdeu a confianza nos seus billetes. En 1800, o Consulado constituíu a Banque de France, que recibiu a exclusiva emisión de billetes en 1848. En Madrid, en 1829 constituíuse o Banco Real de San Fernando.
A banca no sistema capitalista
A gran banca a crédito actual ten a súa orixe no desenvolvemento capitalista do s XIX. Durante as primeiras décadas, os bancos de crédito tradicionais transformáronse en sociedades anónimas e convertéronse no instrumento máis eficaz do gran capitalismo, pois fixeron posible a transformación do aforro en capital e porque, grazas á ampliación dos medios de pagamento en circulación, mantiveron os prezos e fomentaron a progresiva expansión da produción. O desenvolvemento do comercio e da industria a través de grandes sociedades esixía a formación paralela de grandes organizacións bancarias. Os bancos locais fusionáronse coa finalidade de establecer grandes entidades de crédito, con redes de sucursais e acción dentro e fóra dos respectivos países. En Inglaterra, despois da lei de 1833 que proclamaba a liberdade de comercio dos bancos, constituíronse as primeiras entidades bancarias (London and Westminster Bank, London Joint-Stock Bank, Union Bank of London, London and Country Bank). En Francia, sen embargo, os bancos emprenderon accións máis arriscadas, que inmobilizaron capitais en negocios de longa duración. Característicos, neste sentido, foron Crédit Mobilier e Comptoir d’Escomptes, a súa bancarrota (en 1867 e 1887 respectivamente) provocou en Francia unha separación máis clara entre sociedades de crédito (Crédy Lyonnais, Societé Générale, Comptoir National d’Escompte) e bancos de negocios (Banque de Paris et des Pays-Bas, Banque de l’Union Parisienne, Banque Française pour le Commerce et l’Industrie). En Alemaña, con poucos bancos importantes ata a metade do s XIX, xurdiron Deutsche Bank, Dresdner Bank, Schaffhausenscher Bankverein, Discontogesellschaft, Darmstädter Bank, Commerz-und Disconto-Bank, National Bank für Deustschland, cunha política económica tamén arriscada para favorecer unha rápida industrialización. En Italia, durante a primeira metade do s XIX, á beira dos institutos de emisión, desenvolvéronse numerosas caixas de aforros nos diferentes estados; despois de 1860 foron creados, coa dobre finalidade de emisión e de financiamento, as dúas primeiras entidades nacionais: Societá Generale di Credito Mobiliare (Turín) e a Banca Generale (Roma), ambas as dúas quebraron en 1893. A gran banca de Suíza, onde os bancos privados xa funcionaban entre 1820 e 1840, consolidouse a partir de 1860. En Rusia, Catarina II creou dous bancos de emisión en Moscú en 1786, aínda que o primeiro banco ruso comercial é de 1865; a banca rusa dependía do capitalismo francés e alemán. Tamén en Romanía, Bulgaria e Grecia a banca dependía en boa parte do capital estranxeiro (francés, alemán e inglés). En Suecia a banca privada iniciou as súas actividades cara ao ano 1830, en Finlandia no 1860, en Noruega no 1848; os bancos comerciais iniciáronse en Dinamarca en 1846, en Finlandia cara ao 1880 e en Suíza en 1864. No s XX os bancos centrais foron nacionalizados e convertéronse en instrumentos fundamentais das políticas monetarias dos gobernos. A Primeira Guerra Mundial afectou profundamente á banca, e os cambios territoriais e políticos posteriores foron a causa de novos problemas. Nos países desenvolvidos, a excepción dos EE UU, onde se puxeron limitacións legais para a expansión dos bancos, produciuse un forte proceso de concentración bancaria, que levou á formación de catro ou cinco grandes entidades en cada país, cunha participación maioritaria no mercado. En 1916 estruturouse unha organización central de bancos, coa facultade de inspeccionar todos os bancos membros. Produciuse a inflación, que afectou diversamente aos diferentes países. No período inflacionario creáronse novos bancos e aumentou a cantidade nominal, non real, dos depósitos. Os bancos máis importantes sufriron graves perdas durante a inflación e tiveron que competir cos novos bancos creados por grupos industriais e por institucións públicas. A depresión ou crise de finais do ano 1929 afectou aos bancos de numerosos países, e estivo seguida de cambios legais que afectaron aos bancos centrais e máis aos comerciais, coa tendencia nos comerciais a un control máis estricto. Despois da Segunda Guerra Mundial, a rigorosa especialización bancaria foi a norma xeral, coas excepcións da República Federal Alemana e Xapón. En Francia, en 1946 foron nacionalizados a Banque de France e os catro bancos comerciais máis importantes, mentres que os bancos pequenos foron sometidos a un control máis rigoroso. A Guerra de Corea de 1950 agravou a inflación, que fora crónica na economía europea dende a Segunda Guerra Mundial. Nos últimos anos, constátase a miúdo, mesmo nos países con máis forte tradición de especialización bancaria, como o Reino Unido, que a banca comercial deixa de limitarse ao campo do crédito a curto prazo para intervir noutras actividades ata hai pouco tempo exclusivas doutras institucións financeiras. Trátase da venda a prazos, do crédito persoal, da colocación de emisións en bolsa etc. Ademais produciuse ou intensificouse outro fenómeno de moita importancia: a expansión internacional dos grandes bancos, especialmente dos norteamericanos, inspirados nos modelos das empresas industriais. Esta internacionalización maniféstase tamén na crecente colaboración entre bancos de diversos países, levada ata a creación de novas entidades bancarias con proxección internacional. Estes bancos foron precedidos pola creación, despois da Segunda Guerra Mundial, dos bancos internacionais con fondos públicos. O fenómeno da globalización no mundo financeiro fai que as transformacións sexan similares en todas as economías. Como causas deste fenómeno cómpre salientar en primeiro lugar unha certa baixada da rendibilidade, unha redución dos diferentes tipos de xuro e un crecente endebedamento amoreado nos sectores de familias e de empresas que deron lugar a un importante aumento da competencia, unha importante desregulamentación a nivel global, á innovación da industria de servicios financeiros, así como tamén á concentración bancaria que se produciu tanto por fusións como por absorcións.
A banca no sistema socialista
O sistema bancario soviético desenvolveuse como parte da mecánica planificadora central. No ano 1917 nacionalizáronse todos os bancos, aínda que inmediatamente foron forzados polas circunstancias a interromper as súas operacións. Principiouse cun novo sistema coa fundación do Banco do Estado da República Socialista Soviética Federativa Rusa, logo Banco do Estado da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (1921), chamado Gosbank. Foron creados outros bancos, que recibiron depósitos de institucións estatais e de empresas privadas. Por uns decretos de 1927 e 1928 o Gosbank converteuse no único que outorgaba créditos a curto prazo. Os créditos a longo prazo foron deixados baixo a responsabilidade do Stroibank, ou banco de desenvolvemento, xunto co Gosbank. Coa implantación dos plans quinquenais e a abolición da iniciativa privada, as diferentes empresas habían recibir fondos do Gosbank, organizado en diversas seccións. Tralos cambios producidos despois da Segunda Guerra Mundial, a banca de Letonia, Estonia e Lituania foi incorporada á da URSS, ao perder estes países a súa independencia. Os bancos dos outros países europeos de organización socialista foron nacionalizados a partir do ano 1945 e estruturáronse de acordo co modelo soviético. Nestas economías de dirección central, os bancos son institucións estatais e dispoñen do diñeiro do circuíto estatal da economía e de boa parte do sector privado. Distribuían estes fondos sobre todo en forma de créditos, adaptándose ao que o estado establecera no plano económico formulado en termos reais, do que o plano financeiro é a contrapartida monetaria. Ademais do banco central, existía normalmente, un banco de comercio exterior. Con todo, o banco central ou banco do estado controlaba todo o sistema e exercía, na meirande parte dos casos, as funcións dos bancos centrais e dos bancos comerciais dos países capitalistas (financiamento do capital en circulación). Tiña o privilexio de emitir moeda, e a través del efectuábanse obrigatoriamente todas as operacións de pagamento entre as empresas do sector estatal. Así a banca converteuse nun instrumento idóneo para o control da actividade económica das empresas. O financiamento do capital fixo ten que estar feito, normalmente, mediante as dotacións de presupostos a fondos perdidos, cos bancos de investimento como instrumentos de control. Só ultimamente os créditos adquiriron importancia como forma de financiación do capital fixo. As caixas de aforros teñen como misión fundamental a loita contra a atracción do exceso de dispoñibilidades monetarias nas mans de particulares.
A banca moderna en España
As primeiras actividades de cambio e depósito apareceron en Castela na primeira metade do s XIV e estaban en mans de banqueiros casteláns asentados en Medina e Sevilla; sen embargo, non puideron satisfacer as grandes operacións de crédito que a coroa tivo que realizar no s XV, feito que motivou a penetración dos banqueiros alemáns e italianos no sistema bancario castelán. Os proxectos oficiais para crear unha banca estatal non chegaron a realizarse, nin sequera como procedemento para conter a inflación do s XVII. As primeiras entidades bancarias que se estableceron en España seguindo o modelo inglés abríronse no s XVIII; así mesmo, o primeiro proxecto oficial data de 1782, cando Carlos III ordenou a fundación do Banco Nacional de San Carlos, que logo de diferentes modificacións se converteu no Banco de España no 1856. A primeira sociedade anónima bancaria creada en España foi o Banco de Barcelona (1844). No ano 1857, por iniciativa da Xunta de Comercio, fundouse o Banco de Bilbao e en 1863 o Banco de Madrid. Os primeiros bancos españois comezaron simultaneando as funcións de banco privado coas de banco de emisión; sen embargo, logo da Lei Echegaray de 1874, que outorgaba o monopolio de emisión de billetes ao Banco de España, moitos deses bancos locais optaron por disolverse e outros continuaron a súa andaina como bancos de depósito e desconto. No ano 1876, fundouse o Banco Hispano-Colonial en Barcelona, que foi o primeiro gran banco de negocios español e participou na creación de numerosas empresas antes de ser absorbido en 1950 polo Banco Central. A banca oficial española estaba constituída por oitos bancos que dependían do ministerio de Facenda: o Banco de España (1876), o Banco de Crédito Industrial (1920), o Banco de Crédito Local (1925) e o Banco Hipotecario (1872), nacionalizados no ano 1962, o Banco Exterior de España (1928), e os refundidos Banco de Crédito para la Construción (1962), Banco de Crédito Agrícola (1962) e a Caja Central de Crédito Marítimo e Pesquero. Paralelamente á banca oficial, operaban en España unha serie de bancos comerciais, dos que só catro eran estranxeiros. A numerosa banca local española, que xurdira ao longo do s XIX en diferentes puntos de España, iniciou un proceso de concentración, absorción ou fusión da que os bancos máis beneficiados foron o Banco Hispano Americano, o Banco Español de Crédito, o Banco Central, o Banco de Bilbao e o Banco de Santander. Logo das reformas lexislativas promulgadas na transición, a distinción tradicional entre banca comercial e industrial, que ten a súa orixe na Lei de Ordenación Bancaria de 1962, perdeu vixencia, como a de banca estatal, rexional ou local. Dende ese momento iniciouse unha dobre corrente: fortalecemento dos bancos estruturados e con vontade de crecemento e a case total desaparición das entidades que non superaron o carácter local. Durante o decenio socialista, como consecuencia da crise bancaria do período 1978-1985 e da expropiación do grupo Rumasa en 1983, elevouse o grao de concentración entre os bancos españois e, xa na década do noventa o mercado español abriuse á banca europea.
A banca en Galicia: das orixes á actualidade
O primeiro banco galego, o Banco Etcheverría, constituíuse en Betanzos no ano 1717. A seguinte entidade bancaria galega fundouse na Coruña, a Casa de Banca José Pastor no ano 1776, que no ano 1925 se constituíu en sociedade anónima co nome de Banco Pastor. En 1847 creouse en Santiago de Compostela a Casa de Banca Hijos de Olimpio Pérez, que no ano 1964 adoptou o nome de Banco de Crédito e Inversiones, unha pequena entidade bancaria asentada en Madrid que fora absorbida polo banco galego nese ano. En 1856 xorde na Coruña, con carácter de banco de emisión e desconto, o Banco da Coruña, que estivo activo ata o ano 1874, cando se promulgou a Lei Echegaray que outorgaba o monopolio de emisión de billetes ao Banco de España. En 1857 abríase en Vigo a Banca Hijos de Simeón García y Compañía, baixo a forma de sociedade comandataria, transformándose en 1965 en sociedade anónima e adoptando o nome de Banco de Simeón. En 1872, novamente en Betanzos, fundábase a sociedade regular colectiva Hijos de A. Núñez, Banqueros, que foi absorbido en 1959 polo Banco Central. Logo do peche do Banco da Coruña, creábase por un período de trinta anos o Crédito Gallego. En 1895 constituíuse a Banca Nogueira, con domicilio social en Ribadavia, que foi absorbida polo Banco Central en 1971. De novo en Vigo abríase no ano 1896 o Banco Jáudenes Bárcena, absorbido polo Banco de Santander en 1968. En 1918, xurdiu en Vigo a Banca Viñas Aranda, que en 1954 se chamou Banco de Vigo-Viñas Aranda e en 1957 Banco de Vigo, adquirido en 1969 polo Banco Popular Español. Tamén en 1918 un grupo de empresarios fundou, baixo a forma de sociedade anónima, o Banco da Coruña, que sería absorvido en 1970 polo Banco de Bilbao cando era a segunda entidade bancaria por volume de depósitos. En 1927 abríase en Cee o Banco Perfecto Canosa. En Verín, constituíase no ano 1948 a sociedade regular colectiva Banca Cid, que no ano 1967 foi absorbida polo Banco de Santander. No ano 1964 xurdía na Coruña o Banco del Noroeste, banco industrial e de negocios independente, que foi adquirido en 1974 polo grupo Rumasa. Tamén en 1964, a familia Soto creou en Chantada a Banca Soto, que en 1971 cambiou o nome por Banco de Lugo, cando foi adquirido polo Banco Popular Español. En 1973, como resultado da fusión do Banco de Lugo do Banco de Vigo (ambos os dous controlados polo Banco Popular Español), xurdía o Banco de Galicia, con sede social en Vigo.
Situación actual de Galicia no mercado español
En Galicia, á marxe de bancos históricos como o Banco Simeón de Vigo (integrado no grupo portugués da Caixa Geral de Depósitos) a pequena banca autóctona sobrevive nun mercado acaparado polos grandes grupos: deixando a un lado as caixas de aforros, que constitúen os maiores grupos financeiros do país, destaca o Banco Pastor da Coruña. O Banco Gallego, pertence ao grupo da Caixavigo e Ourense logo de que o mercase Caixavigo en 1997. O Banco de Galicia é unha das sociedades do grupo do Banco Popular, mentres que o Banco Etcheverría de Betanzos mantén o seu carácter local.
Procesos de concentración bancaria na actualidade
Os bancos estadounidenses, europeos e xaponeses, participan dende finais da década dos oitenta dunha tendencia á fusión e adquisición sen precedentes en anos anteriores. Unha elevada porcentaxe dos 450 billóns de pesetas que, segundo Thomson Financial Securities, se moveron no ano 1999 en operacións de fusións e adquisicións concentráronse na gran banca. Malia que en 1988 se realizaron fusións de importancia, a primeira gran fusión para tomar posicións no mercado financeiro mundial foi a deseñada polo Bank of Tokio-Mitshubishi. A esa operación seguiron outras semellantes en Europa e nos EE UU. En Europa, as primeiras fusións comezaron en España para adaptarse ás novas necesidades derivadas da nova moeda única europea, o euro, en 1988, cando o Banco Central pechou a súa fusión co Banco Hispanoamericano para crear o Banco Central Hispano logo dun frustrado intento de facer o mesmo co Banco Español de Crédito (BANESTO). Nese mesmo ano, os dous grandes bancos biscaíños, o Banco de Bilbao e o Banco de Vizcaya crearon o Banco Bilbao Vizcaya (BBV). No ano 1991 naceu o banco holandés ABN Amrobank, que se situaba nunha das primeiras posicións mundiais por activos. Así mesmo, en España producíanse novas fusións, como a promovida na banca pública de titularidade estatal (Caja Postal, Banco Exterior, Banco Hipotecario, Banco de Crédito Local e Banco de Crédito Agrícola), que dende o ano 1991, cando se creou a Corporación Bancaria de España, comezou a traballar coordinadamente baixo a marca Argentaria. Esta sociedade principiou un proceso de privatización das súas sociedades, que rematou en 1999 ao ser absorbida polo BBV; a nova entidade bancaria pasou a denominarse Banco Bilbao Vizcaya Argentaria (BBVA). A partir dese momento, as concentracións bancarias espalláronse por toda Europa como resposta ao novo marco xerado pola entrada en vigor do mercado único en xaneiro de 1993. A primeira delas foi a compra polo Banco de Santander do Banesto en poxa pública realizada polo Banco de España. No ano 1995 xurdiu o Lloyd’s-TSB. En 1997, constituíase unha nova entidade bancaria francesa, o Crédit Agricole Indosuez. En 1998 nacían dúas grandes entidades bancarias, a italiana Unicredito e a suíza UBS (resultante da fusión de dous grandes bancos, o UBS e o SBS). O proceso de fusións mantívose en 1999, cando anunciaron a súa fusión os grandes bancos españois Banco de Santander e Banco Central Hispano, que pasou a denominarse Banco Santander Central Hispano (BSCH) ademais da xa nomeada BBVA. Así mesmo, en 1999 creábase en Francia o xigantesco BNP-Paribas. En marzo do 2000 anunciábase a fusión de dous grandes bancos alemáns, Deutsche Bank e o Dresdner Bank, que pasaban a ocupar o primeiro posto europeo e o segundo mundial por activos; esta fusión mantense en suspenso dende o 5 de abril do 2000. Alén das fusións bancarias, na década dos noventa iniciouse un novo proceso de concentración entre diferentes entidades financeiras; neste sentido, cómpre salientar a fusión entre as caixas de aforros (Caixa Galicia, resultado da fusión das caixas da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e as rurais de Ourense e León; Caixavigo, Caixa Ourense e Caixa Pontevedra), a participación de caixas en bancos (a Caixa de Pensións posúe o 3% do Deutsche Bank, compra do Banco Simeón de Vigo polo grupo portugués da Caixa Geral de Depósitos, compra do Banco Gallego por Caixavigo, etc). Outro proceso paralelo foi o que levou á desaparición da banca pública española; este comezou coa integración na Corporación Bancaria de España dos bancos públicos españois, que comezaron a vender as súas accións a mediados dos anos noventa e rematou por privatizarse totalmente no ano 1999 cando foi adquirida polo BBV. Nos EE UU, catro fusións foron especialmente relevantes: a do Citicorp-Travelers, que creou o Citigroup Incorporation; a do Nations Bank e o Bank of America; a do Bank One e o First Chicago e, por último, a que levaron a termo o Deutsche Bank e o Bankers Trust, que ocuparon nese momento o primeiro posto mundial por activos. En Xapón, por mor da crise interna e das decisións gobernamentais, as primeiras fusións realizáronse en 1999 entre o Dai-Ichi Kangyoro, o Fuji Bank e o Banco Industrial do Xapón; e entre o Ashai e o Tokai por unha banda, e o Sumimoto co Sakura pola outra.
-
s
f
Frases feitas
-
Quedarse coa banca
-
Ser o dono da banca. Ser o gañador.
-
. Gañar.