Banco Europeo de Investimentos
Institución europea con sede en Luxemburgo creada en 1958 ao abeiro do Tratado de Roma, que ten como obxectivo contribuír á promoción económica das áreas menos desenvolvidas da Comunidade Económica Europea (a partir de 1992 Unión Europea) e dos países en vías de desenvolvemento, que estean vinculados á Unión Europea por acordos de cooperación. A súa actividade céntrase no financiamento de obras de infraestruturas e de produción e distribución de enerxía, e no investimento en actividades produtivas, ben sexan agrarias, industriais ou terciarias. Os proxectos deben ser viables técnica e comercialmente, adaptarse á normativa de medio ambiente e someterse á supervisión do propio BEI. O préstamo é como máximo do 50% do importe do proxecto, aínda que é compatible con calquera outra axuda da Unión Europea.