Banda de Música de Alongos
Agrupación musical fundada en 1891 en Alongos (Toén) por Samuel González, quen foi o seu primeiro director. Nun principio só eran 6 músicos pero axiña elevou o número de compoñentes e chegou a ser unha banda de renome en Galicia e fóra dela, sendo recoñecida por autores da nosa literatura como Eduardo Blanco Amor na súa obra Xente ao lonxe. Ó longo da súa traxectoria tivo como directores, entre outros, a Antonio Tojo, Beristain, Rego, Salgado, Félix Molina, Francisco Rodríguez, Edmundo Figueiras, Cándido Alvarado, Arsenio Iglesias, Alejandro del Río e o actual director José Vázquez Rebollo. Nesta formación, viveiro en moitas ocasións da Banda de Ourense, destacaron figuras como Manuel Conde, Manuel Conde Ogando ou Benito Rebollo Veliñas. Participou en numerosas festas e coa súa música percorreu toda Galicia, Portugal e algunhas provincias de España.