Banda de Música de Arzúa
A mediados do século pasado, había na vila de Arzúa un número indeterminado de formacións musicais de pouca importancia pero que aglutinaban ao seu redor unha cantidade considerable de músicos. Consciente de que existía o material humano necesario, un gaiteiro de Visantoña, coñecido polo alcume de O Carreiriña, acometeu a creación da Banda de Arzúa e dirixiu a formación ata o seu pasamento. A continuación dirixiu a agrupación Pedro Pampín e despois o seu irmán Xesús Pampín. Nos seus inicios estaba constituída por uns 20 músicos, dividida por veces para atender todos os compromisos, e ademais da instrumentación habitual contaba cun grupo de gaitas. Actuou por Galicia de xeito interrompido ata 1945, data na que se disolveu por multitude de problemas, entre eles a precaria situación económica despois da Guerra Civil española. Foi Arturo Rendo quen a reorganizou. Nesta nova andaina, que discorreu nos derradeiros anos da década dos corenta e rematou no 1954, a banda contaba con 31 músicos e non tiña grupo de gaitas. Disolta novamente en 1954, reapareceu en 1958 con só 10 músicos que a mantiveron viva nunha época de grandes dificultades. No 1980, o concello reorganizouna e potenciouna achegándolle o instrumental preciso, local para ensaios e indumentaria, ao tempo que foi nomeado como director José Ces Lorenzo, quen solicitou ao concello a creación dunha escola de música, pola que, a banda chegou a 37 músicos en 1982. Nesta época a agrupación, nese momento Banda-Orquestra, actuou en distintas localidades tanto en Galicia como fóra dela (Santander, Cangas de Onís, Huesca, etc). En 1997 asumiu a dirección Javier Ces Calvo.