bandeiras autonómicas
Segundo o artigo 4. 2. da Constitución Española, aprobada en 1978, os estatutos das respectivas comunidades autónomas poderán recoñer bandeiras e enseñas propias. Non existe un modelo homoxéneo para as 19 autonomías españolas, senón que cada unha segue modelos diferentes: Asturias, Madrid, Murcia, Navarra e Melilla son monocromas; Aragón, Illes Balears, Catalunya e a Comunitat Valenciana seguen o modelo tradicional catalano-aragonés de varias faixas amarelas e vermellas; as restantes comunidades empregan distintas cores na composición das súas bandeiras aínda que difiren na disposición. A bandeira de Andalucía está composta por tres faixas horizontais da mesma anchura: a primeira e a terceira verdes e a segunda branca. A bandeira de Aragón está composta por nove faixas horizontais da mesma anchura, alternando a cor amarela nas impares e a vermella nas pares, e sobre elas un escudo acuartelado con coroa ducal que leva no primeiro cuartel, unha árbore de sinople, sobre campo de ouro; no segundo, unha cruz de prata, sobre campo de azul; no terceiro, unha cruz de goles divide o cuartel en catro partes, levando en cada unha delas unha árbore de sable. A bandeira de Asturias é de cor azul e leva no centro unha cruz amarela cos símbolos alfa e omega. A bandeira das Illes Balears está composta por nove faixas horizontais da mesma largura, alternando a cor amarela nas impares e a vermella nas pares, e leva na esquina superior esquerda un recadro de cor violeta sobre o que se perfila un castelo. A bandeira de Canarias está composta por tres faixas verticais da mesma anchura de cor branca, azul e amarela, respectivamente. A bandeira de Cantabria está dividida en dúas faixas horizontais da mesma anchura: a superior branca e a inferior vermella. A bandeira de Catalunya está composta por nove faixas horizontais da mesma anchura, alternando a cor amarela nas impares e a vermella nas pares. A bandeira de Castela-A Mancha está composta por dúas faixas verticais da mesma largura: a esquerda de cor carmesí, sobre a que se perfila un castelo amarelo coa porta e ventás de cor azul, e a dereita branca. A bandeira de Castela e León é acuartelada: o primeiro e o cuarto cuarteis son vermellos e levan un castelo amarelo coa porta e ventás de cor azul, o segundo e o terceiro brancos e traen un león rampante de cor violeta. A bandeira de Ceuta, de tradición portuguesa, é xironada, alternando as cores branca e negra. A bandeira da Comunitat Valenciana está composta por nove faixas horizontais da mesma anchura, alternando a cor amarela nas impares e a vermella nas pares, e na marxe esquerda presenta unha orla de cor azul con adornos amarelos. A bandeira de Extremadura está composta por tres faixas horizontais da mesma largura de cor verde, branca e negra, respectivamente. A bandeira de La Rioja está composta por catro faixas horizontais do mesmo ancho de cor vermella, branca, verde e amarela. A bandeira de Madrid é de cor vermella e leva no centro sete estrelas brancas de cinco puntas, dispostas en dúas faixas de catro, a superior, e de tres, a inferior. A bandeira de Melilla é azul e leva no centro un escudo con coroa ducal: o campo de azul con dúas coroas e bordo de goles. A bandeira de Murcia é de cor carmesí e leva no extremo superior esquerdo catro castelos amarelos postos en dúas liñas de dous e, no extremo inferior dereito, sete coroas marquesais amarelas dispostas, unha, tres, dúas e unha. A bandeira de Navarra é vermella e leva no centro un escudo con cadeas de ouro e con coroa real. A bandeira do País Vasco, que segue o modelo inglés, combina sobre un fondo vermello unha cruz branca e unha aspa verde.