bandoleirismo

bandoleirismo

(<1banda)

s m [HIST]

Actividade criminal realizada por bandas armadas, comandadas por un xefe, contra persoas, propiedades, edificios, vehículos, etc. O bandoleirismo constitúe a expresión do malestar económico e social, a miúdo con implicacións políticas, relixiosas e ata étnicas, motivado fundamentalmente pola miseria dos máis humildes. A súa existencia remóntase á Antigüidade (especialmente ao Baixo Imperio) e reaparece cunha enorme virulencia a fins da Idade Media, sobre todo en Francia e en Alemaña, por causa da crise da sociedade feudal. Pero é entre o 1550 e o 1600 cando tivo lugar un verdadeiro paroxismo deste fenómeno, de xeito simultáneo en todos os países mediterráneos, cristiáns ou musulmáns, especialmente no Principat de Catalunya (iniciado por Moreu Cisteller, rematou co lendario Serrallonga cando a revolta do 1640) en Calabria e na Albania dominada polo imperio otomano. A situación persistiu durante o s XVII en España, en Italia e tamén en Francia, e aínda máis en Alemaña, diminuíndo progresivamente durante os ss XVIII e XIX con brotes esporádicos (especialmente en Italia). Este fenómeno chegou a ser tamén célebre durante o s XIX en Andalucía (Luis Candelas el Tempranillo), en Hungría, en Grecia (onde se coñece coa denominación específica de clefta) e en Asia, sobre todo no Kurdistán e na China. Así mesmo, debido á crise social, política e económica do s XVII xurdiron bandas aristocráticas a carón do bandoleirismo popular. O bandoleirismo galego, que se espallou entre 1820 e 1824 por unha ampla franxa costeira (Barbanza, Fisterra, Bergantiños, A Coruña, Ferrol, Ortigueira e a Mariña lucense), tivo unha serie de trazos propios que o facían diferente ao do resto da Península: non abandonan a súa vila, xa que xeralmente poden seguir no seu medio social e facer a súa vida normal, e non existe ningún caso de bandoleiro xeneroso. As víctimas non o son en razón da súa clase social, senón da súa situación económica; de feito, aínda que son máis frecuentes os roubos a fidalgos e clérigos, abundaban os cometidos sobre campesiños ricos. A composición das faccións tamén era diferente, xa que estaban constituídas por un grupo pequeno de persoas perseguidas pola xustiza que vivían escondidas e un grupo de xente que se mantiña dentro da normalidade (xornaleiros, carpinteiros, etc, que en épocas de crise non atopaban traballo), e que recibían sempre unha parte do botín. Cómpre salientar, así mesmo, o papel da muller dentro da facción, que era parte integrante de case todas as bandas que actuaban en Galicia ao longo do s XIX. Todas tiñan unha relación de parentesco co grupo: eran as súas mulleres, irmás ou mozas. As súas funcións varían: ofrecían a casa como escondedoiro, eran as encargadas da repartición do botín e mesmo participaban nos roubos. Destacou por riba doutras a figura de Pepa a Loba, emblemática bandoleira, que foi xefa dun grupo que actuou pola Terra Chá na segunda metade do s XIX; sen embargo, tamén houbo outras bandoleiras de sona: Madalena Rodríguez, guerrilleira carlista máis ca bandoleira, ou Xoana Vilariño. Entre os bandoleiros masculinos sobresae a figura lendaria de Xoán Quinto, bandoleiro andaluz de gran xenerosidade e moi popular en terras compostelás e arousás a principios do s XIX. Outros bandoleiros salientables, que estiveron activos entre 1818 e 1827, son: Mamede Casanova Sueriras o Toribio, o bandoleiro galego máis famoso, Manuel Gómez o Truco, Manuel Balseiro o Cazurro, Francisco Rivas o Louzao ou Manuel Nobas. O bandoleirismo como tema literario tivo especial fortuna en dúas épocas de crise: o Barroco e o Romanticismo, momento en que foi empregado por autores como Schiller, Byron ou Victor Hugo. Autores galegos en lingua española como Emilia Pardo Bazán, Valle-Inclán ou Prudencio Canitrot tamén lle dedicaron algúns relatos a bandoleiros como o Toribio

Confrontacións

bandidaxe

Palabras veciñas

Bando, El | bandola | bandoleira | bandoleirismo | bandoleiro -ra | 1 bandolina | bandón