Bangkok

Bangkok

Capital de Tailandia, á beira dun dos brazos do delta do Chao Phraya (5.584.963 h [1996]). Está atravesada por numerosas canles que chegan ata o centro, máis moderno. É o principal centro económico de Tailandia e a poboación traballa, sobre todo, no sector terciario. A súa principal actividade industrial é a preparación do arroz. Practicamente non adquiriu importancia ata fins do s XVIII, cando o xeneral Chao Phraya Chakri chegou ao poder co nome de Rama I e escolleu Bangkok (1782) para substituír a Thon Buri como capital de Tailandia. Desde entón a cidade desenvolveuse como centro político, económico e social. Durante a Segunda Guerra Mundial (1941-1945) estivo ocupada polos xaponeses, que a converteron en centro de aprovisionamento. Entre os monumentos máis importantes salienta o templo de Vat Phra Keo, comezado no 1785 e considerado un dos máis fermosos pagodes budistas.