Banyoles
Municipio da provincia de Girona (Catalunya), situado na depresión ampurdanesa (14.395 h [1996]). A industria é o sector económico predominante. O téxtil tradicional, desenvolvido a partir do XIX, coexiste coa metalurxia e a industria alimentaria. O turismo é outra actividade importante e tradicional e está moi estreitamente ligado ao lago, no que a antiga función balnearia foi substituída pola práctica dos deportes acuáticos e de natureza. A historia de Banyoles está moi vencellada ao Mosteiro de Sant Esteve, establececido alí no 812, porque ao seu redor xurdiu unha aglomeración que experimentou unha época de esplendor (ss XIII-XIV) e que culminou en 1303 coa concesión da Carta Municipal. Nos séculos seguintes a cidade sumiuse nunha fonda decadencia ata o s XVIII, cando principiou unha nova etapa de desenvolvemento. Alén do Mosteiro románico de Sant Esteve (957), primeiro cenobio bieito de Catalunya, arquitectonicamente sobresae tamén a Igrexa gótica de Santa Maria dels Turers (1269-1333).