Bañeza, La

Bañeza, La

Municipio do sur da provincia de León (Castela e León), na comarca de Valduerna, situado na confluencia dos ríos Tuerto e Duerna, pertencentes á conca do Órbigo (10.492 h [1996]). Cabeza de partido xudicial, é o centro dunha subárea comercial con industria derivada da agricultura. A estrada nacional radial N-VI (Madrid-A Coruña), é o seu principal eixe de comunicación. Está enclavada na antiga Vía da Prata, empregada en tempos dos romanos para o transporte do mineral dende os xacementos ástures ata o porto de Hispalis (actual Sevilla). Esta ruta era a que seguían os peregrinos mozárabes do S da Península Ibérica no seu camiño a Santiago de Compostela. A primeira referencia documental a La Bañeza remóntase ao ano 932, data da doazón dun mosteiro próximo á vila de Vanieza, construído para dar hospedaxe aos peregrinos. Afonso VIII de Castela, logo da Batalla de Las Navas de Tolosa (1212) distinguiu á vila co título de Moi Leal. En 1486, don Pedro González de Bazán, señor de La Bañeza, outorgoulle unha carta na que se recollían privilexios e a exección de impostos e obrigas. En 1501 os Reis Católicos concedéronlle un novo real arancel. Finalmente, o 3 de xaneiro de 1895, a Raíña rexente María Cristina, en nome do seu fillo Afonso XIII, deulle a La Bañeza o título de cidade. Entre o seu patrimonio monumental destaca a igrexa románica do s XI.