Baños, Emilio
Empresario cinematográfico. A súa relación coa industria cinematográfica comezou en diversos cines de Vigo. Despois de traballar como ordenanza no Teatro García Barbón, rexentado por Victoriano Gil, desempeñou o labor de operador no cine Tamberlick, propiedade de Isaac Fraga Penedo. Máis tarde trasladouse ao cine Yeca de Chantada e logo a Melide, onde foi encargado das proxeccións no Capitol. Nesta última vila coñeceu o empresario Dignatario Cerdeira. Á súa volta a Vigo, traballou como operador en salas de barrio como a de Bouzas ou a das Travesas, e iniciouse como empresario no cine Avenida de Tomiño. A finais dos anos corenta, ingresou no sector da distribución coa súa empresa Baños Films. Os seus comezos están ligados a Arturo González -quen lle ofreceu as primeiras películas para a súa distribución- e a Isaac Fraga -quen lle comprou as primeiras fitas-. Deste modo, iniciou a súa traxectoria Baños Films, que vén de manter unha actividade continuada a carón das delegacións das principais empresas de ámbito estatal (incluídas as multinacionais norteamericanas). Ademais, destaca o apoio que o distribuidor vigués ten brindado á difusión das manifestacións cinematográficas galegas que agromaron nas últimas décadas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vigo