Barandilla, La
Publicación bilingüe que saíu na Coruña o día 1 de outubro de 1980. A publicación tiña como subtítulo “Revista de poesía”. Foi coordinada por Herminio Otero e Merchy Modroño. Figuraban entre os seus colaboradores: Víctor Sampedro, Ignacio Collado, Xan Rodríguez, etc. A revista estaba editada polo colexio dos Salesianos da Coruña. Por ser unha publicación de ámbito escolar, os primeiros números tiñan o formato de fanzine, pero mellorou a súa calidade gráfica ao contar co patrocinio da Comisión de Cultura do Concello da Coruña dende 1983. A partir de marzo de 1981 convocaban un concurso propio de poesía, e publicábanse na revista os traballos premiados no certame. Destacou a participación de Henrique Manuel Rabunhal co poema titulado “Galopando”.