Barba, Eugenio
Dramaturgo, investigador e director teatral italiano. Emigrou a Noruega en 1954 e estudiou na Universidade de Oslo no eido da Historia das Relixións. Logo viaxou á cidade polaca de Opole, onde iniciou a súa formación teatral cabo de Jerzy Grotowski, permanecendo no seu Teatro Laboratorio desde 1961 ata 1964. Neste mesmo ano fundou en Oslo o Odin Teatret cun grupo de actores e actrices non profesionais. Dous anos máis tarde esta compañía instalouse na cidade danesa de Holstebro, onde desenvolveu unha intensa actividade a prol da renovación teatral a partir da radical transformación da formación actoral, dos procesos de posta en escena e da comunicación co público. Creou, deste xeito, un estilo de traballo e unha poética, o chamado “terceiro teatro”, que acadou especial importancia nas décadas de 1970 e 1980, sendo imitado en moi diversos países. Durante eses primeiros anos Barba viaxou a Bali, Xapón, Sri Lanka ou Taiwan, estudiando diferentes tradicións escénicas desde as que construiría unha complexa teoría da interpretación. A teoría teatral de Barba, un dos máis activos investigadores no eido da antropoloxía teatral, quedou recollida en obras como Alla ricerca del teatro perduto (Na busca do teatro perdido, 1965), Towards a poor theatre (Hacia un teatro pobre, 1968), conxunto de traballos teóricos de Grotowski, The floating islands (As illas flotantes, 1984), Beyond the floating islands (Alén das illas flotantes,1986) ou El arte secreto del actor (1990), escrito en colaboración co investigador e profesor italiano Nicola Savarese. En 1979 creou a Escola Internacional de Antropoloxía Teatral (International School of Theatre Anthropology, ISTA) que organizou encontros periódicos onde se deron cita destacados directores, actores, actrices, investigadores e pedagogos para analizar e estudar o comportamento humano en situacións de representación organizada. Entre as súas achegas máis singulares á teoría e á práctica da interpretación cómpre salientar o concepto de “adestramento” (training), conxunto de exercicios que o actor realiza para desenvolver todas as súas potencialidades expresivas e comunicativas co fin de favorecer a súa maduración integral, potenciar o traballo en grupo e como elemento mobilizador e provocador na interpretación. No ámbito da renovación escénica estableceu marcos para provocar un diálogo intercultural que, alén dos inevitables mimetismos, contribuíu notablemente ao coñecemento do teatro oriental en Occidente, á descuberta e reivindicación de outras tradicións teatrais en América Latina ou en África, e a destacar a centralidade do actor e da actriz no espectáculo teatral. As súas principais montaxes son: Ornitofilene (1965), Kaspariana (1967), Ferai (1969) Come! And the Day will be Ours (1976), Anabasis (1977), Millionen-Forste Rejse (1978), Brechts Aske 2 (1981), As cinsas de Brecht (1982) e Oxyrhincus Evangeliet (1988), propostas escénicas que suscitaron tantas polémicas como entusiasmo e provocaron unha revalorización das vellas raíces teatrais e a recuperación de tradicións culturais marxinais e minorizadas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Gallipoli