Bárbara
Nome de muller procedente do grego Barbara, feminino de βάρβαρος ‘estranxeiro, forasteiro’. É o nome dunha familia romana e dunha mártir cristiá, santa Bárbara (s III), a santa do risco e das situacións extremas. A piedade popular invoca a súa protección fronte ás tempestades, aos incendios ou mesmo fronte á morte repentina. A fraseoloxía tradicional galega recolle ditos como: “Cando hai tormenta, a santa Bárbara se menta; tormenta ida, santa esquecida”, “Santa Barbariña bendita, gárdame dunha faísca”, “Santa Bárbara bendita, que no ceo estás escrita, régame con auga bendita” e, sobre todo, “Acordarse de santa Bárbara cando trona”, sentenza que alude ao feito de non ser previsor, de ser amigo de alguén só para as comenencias ou acudir a unha persoa só despois de que outra lle negou a súa axuda.