Bárbara,
santa (s III Nicomedia) Santa oriental popularizada no s XII pola Lenda dourada de Jacopo de Voragine. O seu pai, o sátrapa Dióscoro, sendo consciente dos riscos que entrañaban a beleza e intelixencia da mociña, pechouna nunha torre inexpugnable con dúas pequenas ventás, afastada dos perigos mundanos e do proselitismo cristián. No seu encerro, Bárbara comeza a dubidar dos deuses pagáns e amosa interese polo Cristianismo de forma clandestina. Un sacerdote, facéndose pasar por médico, puido instruíla na relixión cristiá e outorgarlle o bautismo. Para manifestar a súa crenza na Trindade, fixo unha terceira xanela nos muros da torre. O pai, ao se decatar da súa conversión, decide escarmentala, pero a moza no canto de fuxir refúxiase no monte, nun burato dun penedo que, milagrosamente, se abre para lle dar acubillo. Un pastor denúnciaa e, como castigo divino á súa traizón, os seus rabaños convértense en saltóns. No cárcere, ao non abxurar das súas crenzas, o pai manda azoutala cunha xostra de nervios de boi; amais diso, bátenlle na cabeza con martelos, aplícanlle no seu corpo adolescente ferros quentes, arríncalle os seos cunhas tenaces, etc. A tortura remata cando o propio pai lle corta a cabeza, inda que logo cae fulminado por un raio ou lume misterioso que o consume sen deixar cinsas. Santa Bárbara está considerada como a protectora dos homes fronte ás situacións de risco e perigo: invócase fronte ás tempestades, aos raios, oó tronos, ás faíscas, aos incendios ou, mesmo, fronte á morte repentina. Patroa de homes de armas, como os artilleiros, e doutros oficios como os bombeiros, fogueteiros, mineiros, mariñeiros ou campaneiros (polo costume de tocar as campás cando hai un incendio). Na Idade Media foi patroa de construtores e arquitectos e o seu culto coincidiu misteriosamente co auxe da orde do Temple. Na iconografía aparece representada cunha palma e coroa do martirio, levando como atributos persoais unha torre con tres fiestras nunha das mans ou no chan e, ás veces, unha espada, símbolo do seu martirio. A súa festividade celébrase polo xeral o 4 de decembro. É patroa do concello de Pazos de Borbén (4 de setembro), aínda que tamén se conmemora en Salceda de Caselas o terceiro domingo de xuño, e en Moaña o 9 de agosto. Non obstante , a reforma do Calendario Romano feita polo Concilio Vaticano II e publicada o 9.5.1969 suprimiu esta festa por considerar que “acta sunt omnino fabulosa”; isto é, que as actas do seu martirio son fabulosas, no sentido de que non son verdade.