Barbastro

Barbastro

Municipio da provincia de Huesca, Aragón, drenado polo río Vero (14.520 h [1996]). É centro de área comercial. Núcleo agrícola, destacan os cultivos de cereais, oliveiras, amendoeiras e bidueiros no secaño, e os produtos de horta no regadío. Tamén é un importante núcleo fabril, con industria téxtil, louza, licores e alimentaria. A cidade está situada na beira do río Vero. Malia ter sido a capital da Barbatania xa en tempos dos romanos, Barbastro non adquiriu importancia ata a dominación musulmá (715?), ao entrar a formar parte do Reino de Zaragoza. Ambicionada por cataláns e aragoneses, foi conquistada por un exército de cruzados en 1064, pero meses despois, al-Muqtadir de Zaragoza reconquistouna. Finalmente, conquistouna en 1101 Pedro I de Aragón. No ano 1137 pactouse nela o compromiso matrimonial entre a infanta Petronila e o conde de Barcelona Ramón Berenguer lV. Ao longo da Idade Media foi sede de diversas asembleas, salientando a convocatoria de Afonso o Casto no 1192, na que foron outorgadas as constitucións de paz e tregua vixentes en Catalunya. Foi devastada no 1369 por Pedro o Cerimonioso na súa loita contra Pedro o Cruel. En 1395 a cidade tivo que soportar o sitio dos condes de Foix, que pretendían ocupar a coroa ao morrer Xoán I de Aragón. No ano 1571 Pío V creou o bispado de Barbastro. Entre o seu patrimonio monumental destaca a catedral (s XVl), de estilo renacentista pero con ornamentación gótica, que conta cun retablo maior que contén esculturas de Damián Forment. Tamén cómpre salientar a praza maior, porticada, e a Casa do Concello, de estilo mudéxar do s XV, posteriormente reformada no s XlX.