Barbeito Cerviño, María
Escritora, socióloga e pedagoga. Estudiou maxisterio na Escola Normal da Coruña, onde acadou o título superior de mestra no 1896. En 1901 accedeu por oposición, co número 1, ao corpo de mestres do estado, comezando así o seu labor pedagóxico cunha especial atención aos nenos. Foi, dende 1915, directora do Grupo Escolar da Guarda da Coruña que transformou e converteu en centro modelo. Desenvolveu un papel moi importante no eido cultural e social de Galicia, sobre todo no primeiro terzo do século XX, e traballou tamén pola emancipación social, cultural e profesional da muller. Foi coetánea de Sofía Casanova, Mercedes Tella e Celia Brañas, entre outras, e viaxou por Europa para coñecer os métodos máis modernos de ensino. En consonancia co espírito e os principios pedagóxicos defendidos pola ILE (Institución Libre de Enseñanza), puxo en práctica experiencias educativas moi adiantadas; así, implantou o método Montessori por primeira vez en Galicia, experiencia que só fora ensaiada en España por María de Maeztu, e tamén deu os primeiros pasos para introducir na comunidade a Escola Activa, o método Decroly e o método Dewey. O seu traballo influíu no desenvolvemento da escola galega do seu tempo ao fomentar e perfeccionar o ensino primario graduado. Na Coruña fundou numerosas institucións asistenciais como El niño descalzo ou El comedor y ropero da Guarda. Participou tamén na dirección das Colonias Escolares para Niños Pretuberculosos, na Junta de Protección a la Infancia, nas Cantinas Escolares Concepción Arenal, Gota de Leche, Casa Cuna ou no Tribunal Tutelar de Menores e foi a primeira e única presidenta da Asociación Concepción Arenal para la Protección y Rehabilitación del Preso. En 1907 pronunciou a conferencia Mejor ambiente educativo y condiciones que deben integrarlo no Ateneo, establecido en La Reunión de Artesanos, que se publicou no 1909. Nese mesmo lugar tamén pronunciou no 1913 outra conferencia recollida na obra Niños y educadores (1913), onde defendía unha reforma da educación. En 1912 iniciou unha experiencia de peditorio público a beneficio dos máis desvalidos, La Fiesta de la Flor, que dende A Coruña había de estenderse por toda España, e mesmo foi vogal da Junta Provincial de Protección a la Infancia e da Junta Provincial de Instrución Pública. No ano 1932 foi nomeada membro da Junta Superior de Beneficencia en Madrid. Ao ano seguinte accedeu ao corpo de Inspectores, sendo un dos primeiros inspectores mestres que houbo en España no tempo da II República. En 1935 foi bolseira da JAE (Junta para la Ampliación de Estudios) polo que realizou un percorrido por diversas escolas de Francia, Bélxica, Holanda, Suíza e Italia. O obxectivo desta viaxe era coñecer o modo de ensino europeo, os novos métodos e os novos conceptos educativos. Froito desta experiencia foi a serie de dez conferencias dirixidas aos mestres da súa zona de inspección que se recollerían posteriormente na súa obra Países y Escuelas (1975). Non obstante , no 1936, co inicio da guerra, foi depurada e apartada da súa escola e de cantos cargos viña desenvolvendo, por defender os dereitos da muller, estimular a coeducación na escola, reclamar unha escola única e sen prexuízos clasistas e propugnar unha educación laica. Foi membro do Instituto de Estudios Gallegos e da Real Academia Galega. Escribiu numerosos artigos de contido preferentemente social e pedagóxico, e tamén libros e folletos entre os que destacan: La mujer antes, ahora y después (1934), Breviario humano (1949), que recolle e sistematiza as doutrinas de Concepción Arenal, e La Condesa de Noailles (1962). Tamén traduciu cinco libros estranxeiros, tanto de carácter histórico como literario, entre os que podemos citar o Livre de ma vie (O libro da miña vida) da Condesa de Noailles. No conxunto da súa obra existe unha preocupación constante por temas como a educación física e a hixiene, a relación familia-escola, a defensa do bilingüismo no ensino ou a cuestión feminista. En calquera caso en todos eles destaca sempre o seu carácter progresista, humanista e laico, e sobre todo a súa preocupación pola xustiza social.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso