Barberà del Vallès
Municipio da provincia de Barcelona, drenado polo río Ripoll (25.484 h [1996]. As industrias principais, que se atopan en gran parte na beira esquerda do río, adícanse aos metais, maquinaria, accesorios para automóbiles, electricidade, reloxerías, fiaduras, xéneros de punto, produtos químicos, mobles, plásticos, cartón e cerámica. A poboación, que no 1900 era de 780 h experimentou un rápido crecemento durante o s XX, baseado na chegada de inmigrantes procedentes especialmente das rexións sudoccidentais do estado español, Andalucía e Extremadura. A primeira referencia documental a Barberà del Vallès remóntase ao ano 985. Dentro do termo, á esquerda do Ripoll, convertido en casa rural, está o antigo castelo de Barberá, mencionado xa contra o ano 1005. O castelo foi centro dun señorío, despois marquesado de Santa María de Barberá. No seu recinto encóntrase a capela de Santa Coloma ou Sant Jaume del Castell. A cidade abrangue o núcleo xurdido ao longo da estrada de Barcelona a Sabadell (documentado xa no 1782) e o da Creu, na beira dereita do Ripoll, que na década de 1960 se incorporou ao concello de Sabadell. En 1994 a urbanización de Ciutat Badia, construído en 1975, segregouse do concello constituíndo o municipio de Badia del Vallès. Entre o seu patrimonio monumental, destaca a igrexa parroquial de Santa Maria, construción románica do s XII. Conserva decoración mural, de finais do s XII ou comezos do s XIII.