barbiturato
(< ácido barbitúrico)
Calquera dos derivados substituídos do ácido barbitúrico. Coñécense uns dous mil barbituratos, pero só uns 50 se empregan en medicina. Depresores do sistema nervioso central, empréganse como hipnóticos, posto que actúan sobre o centro cerebral do sono, e poden ser dun xeito gradual sedantes, hipnóticos ou anestésicos xerais, ao aumentar a dose ou variar a vía de administración. Teñen unha reducida acción analxésica e antipirética. É frecuente o hábito aos barbituratos dando orixe ao barbiturismo ou toxicomanías. Sobre o esqueleto do ácido barbitúrico, os derivados alquilo disubstituídos sobre o carbono en posición 5 dan hipnóticos, e os substituíntes arilatos en posición 5 producen anticonvulsivos; a monosubstitución nos nitróxenos 1 e 3 orixina compostos sedantes de curta duración, e a substitución do osíxeno do grupo CO en posición 6 polo xofre constitúe a serie dos tiobarbituratos, de acción potente e rápida, pero curta.