Barcala

Barcala

Río afluente do Tambre pola dereita. Nace a 320 m de altitude na divisoria das concas do Xallas e do Tambre, na parroquia de Fontecada (concello de Santa Comba). O seu curso adopta unha dirección NO-SL, atravesando o SO do concello da Baña e afondando sobre unha base litolóxica composta fundamentalmente por xistos. Chega ao concello de Negreira, onde desemboca na veiga do Cotón, deixando a capital municipal á súa esquerda e achegando un caudal de 4,2m3/s, logo dun percorrido de 19 km. A súa conca abrangue unha superficie de 98,5 km2, e entre os seus principais afluentes destaca o río Albariña ou da Baña. O val deste río constitúe o elemento físico definitorio da comarca homónima.