Barra, A
Río afluente do Miño pola dereita. Nace como rego no lugar das Lousas, na parroquia de Gueral (concello da Peroxa), a 510 m de altitude. Adopta un curso de dirección NO-SL e penetra na parroquia de Toubes, onde recibe ao seu principal afluente, o río de Armental. Prosegue pola parroquia de Vilarrubín e penetra no concello de Coles pola da Barra, onde o seu caudal xa é permanente, volvendo ao límite co concello da Peroxa, na parroquia de San Xes da Peroxa. No seu treito final continúa servindo de límite entre as parroquias de Graíces (concello da Peroxa) e Santo Eusebio da Peroxa (concello de Coles). Bótase no Miño no lugar de Barra de Miño, vértice destas dúas parroquias coa de Melias, do concello do Pereiro de Aguiar, logo dun percorrido duns 8 km.