Barraco, El

Barraco, El

Municipio da provincia de Ávila, Castela e León, situado no alto val do Alberche (2.010 h [1996]). O encoro de Burguillo atravesa o termo. O principal recurso económico é a gandería (caprina e bovina). Este sector abastece de materia prima a industria peleteira local. Na Idade do Ferro, na localidade establecéronse os vettóns, pobo celtíbero. A pegada da romanización permanece nos restos de calzadas e pontes, como a Puente Nueva. Outros achados da época visogótica confirman a ocupación deste territorio, tamén intensa durante a dominación musulmana, como se constata na toponimia. A primeira referencia documental sobre El Barraco data de 1215; nela infórmase da orixe da aldea e da repoboación ordenada por Afonso VI en 1086. Ata 1307 El Barraco pertencía á xurisdición da cidade de Ávila. A partir de entón pasou ao dominio de catro cabaleiros abulenses, cedida polo consello da cidade.