Barragán
Río afluente do Oitavén pola esquerda, tamén coñecido como Freaza. Nace a 620 m de altitude no Coto Carballal, no S da parroquia de Traspielas (concello de Fornelos de Montes). O seu curso segue en principio unha dirección N-S, penetrando na parroquia de Gargamala (concello de Mondariz) para virar alí cara ao SO, adaptándose á tectónica. A seguir volve cara ao NO, servindo sucesivamente de lindeiro da parroquia de Traspielas, onde nacera, coas de Toutón (Mondariz), Xunqueiras e Moscoso (as dúas de Pazos de Borbén e xa con dirección S-N). Ao final do seu curso marca a fonteira entre as parroquias de Oitavén e Calvos (ambas as dúas de Fornelos de Montes), coa mesma dirección meridiana, desembocando no Oitavén no S do encoro das Eiras, a 190 m de altitude, logo dun percorrido duns 12 km.