Barrault, Jean-Louis
Actor e director francés, discípulo de Charles Dullin. Traballou no Vieux Colombier de Jacques Copeu e foi amigo de Antonin Artaud e Étienne Decroux, quen lle transmitiría a paixón pola expresión xestual. Iniciou a súa andaina na compañía L’atelier, dirixida por Dullin, para despois pasar ao teatro da Comédie Française onde amosaría os seus dotes de actor e director singular. Formou unha compañía coa súa muller, Madeleine Renaud (1946). En 1959 foi nomeado director do Teatro do Odeón, onde dirixiu espectáculos moi diversos a partir de textos de Paul Claudel, Eugène Ionesco, Camus, Anouilh, Montherlant, Gatti, Jean Genet ou Marguerite Duras, mesturando repertorios clásicos coa presentación de novos autores e autoras. Configurou, así, unha liña de traballo que destacou pola orixinal recreación dos clásicos e a decidida aposta pola dramaturxia contemporánea. Igualmente importante foi a presentación en París de directores e colectivos da transcendencia de Jerzy Grotowski, Peter Brook, Teatro Campesino ou The Living Theatre. Expulsado do Odeón por André Malraux, logo de abrir as portas do teatro aos estudiantes en maio do 68, produciu un dos seus espectáculos máis singulares e célebres, Rabelais, que sería representado en Montmartre nun pavillón de loita libre. En 1972 converteu a vella estación de Orsay nun novo espazo teatral e creou unha serie de espectáculos, entre os que destaca unha adaptación teatral de Así habló Zaratustra (1974). En 1981 instalouse no Théâtre du Rond Point, antiga sala de patinaxe. En 1975 editouse a súa obra Mi vida en el teatro, onde narra e analiza polo miúdo unha boa parte da súa traxectoria. Publicou amais Nouvelles réflexions sur le théâtre (Novas reflexións sobre o teatro, 1959), Souvenirs pour demain (Recordos para o mañá, 1972) e Saisir le present (Agarrar o presente, 1984), entre outras. Cómpre destacar as súas interpretacións cinematográficas en Les enfants du paradis (Os nenos do paraíso, 1942), La Ronde (A rolda, 1950) e The Night at Varennes (A noite en Varennes, 1982).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Le Vésinet, Île -
Deceso
Lugar : France -
Deceso
Lugar : París