Bartolomé Cossío, Manuel
Pedagogo. Estudiou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid (1871-1874) e na Escola Superior de Diplomática (1876-1877 e 1880-1881). Foi director do Museo Pedagógico Nacional (1883-1929), o primeiro catedrático de Pedagoxía en España (1904), conselleiro de Instrución Pública (1921) e presidente do padroado de Misiones Pedagógicas (1931). Foi o principal discípulo de Francisco Giner de los Ríos, fundador da ILE (Institución Libre de Enseñanza), e o principal defensor dos plans que Giner trazara para a reforma da educación e da sociedade española, participando, por exemplo, na Fundación Sierra-Pambley ou na Escuela-Asilo Sotés. Tivo unha forte vinculación coa sociedade e cultura galega a través da súa esposa Carmen López-Cortón Viqueira. A partir de 1890, e acompañado frecuentemente por Francisco Giner e outros profesores institucionistas, pasou os veráns na casa grande de San Vitorio en Vixoi (Bergondo), e influíu nas primeiras experiencias de colonias de vacacións escolares en Galicia, que el mesmo ensaiara no 1887 en San Vicente de La Barquera (Cantabria). Relacionouse con Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, e contribuíu notablemente á formación do pedagogo galego Xoán Vicente Viqueira. Tamén se relacionou con Eduardo Vincenti e Juan López Suárez, e orientaba a moitos mestres a través das actividades do Ateneo Ferrolán. Ademais tamén mantivo contactos cos principais educadores europeos do seu tempo como Alexis Sluys, Pierre de Coubertin, Lord Sheffield, Hohlfeld ou Siciliani. Introduciu en España algunhas innovacións educativas como os xogos deportivos ingleses (aínda antes de que Coubertin os aplicase na educación francesa) ou as colonias escolares de vacacións. Defendeu a práctica excursionista escolar, e a el débense as viaxes culturais a Toledo, nas que participaba a Residencia de Estudiantes con visitantes como Einstein ou Howard Carter. Sempre se negou a sistematizar o seu pensamento educativo polo que os seus escritos pedagóxicos están esparexidos por numerosas revistas, especialmente no Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, onde publicou, entre outros moitos traballos: “Carácter de la pedagogía contemporánea” (1879), “La educación tradicional bajo el punto de vista práctico” (1884), “Las prácticas de enseñanza en las Escuelas Normales” (1890), “Los problemas contemporáneos en la ciencia de la educación” (1897) e “La segunda enseñanza y su reforma” (1919). Outras publicacións relevantes son: La primera colonia escolar de Madrid (1888), La enseñanza primaria en España (1897), Notas sobre construción escolar (1900), El maestro, la escuela y el material de enseñanza (1906) e De su jornada (1929). Ademais foi crítico de arte e autor da primeira Historia de la pintura española (1884), en gran parte inédita ata 1985, e do libro El Greco (1907). O seu pensamento educativo, de raíz krausista e fröbeliana, caracterizouse sobre todo pola súa reacción contra unha educación intelectualista e abstracta e propuxo unha educación total, integral e harmónica, na que o sentimento e a vontade eran tan importantes como o pensamento, conforme a unha concepción do home e das cousas que tiña a súa raíz na mellor tradición do Romanticismo xermánico e na práctica da civilización anglosaxona, pero sen esquecer a cultura hispánica.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Haro -
Deceso
Lugar : Madrid