basílica
(< lat basilĭca < grβασιλική ‘rexia’)
-
s
f
[URBAN/ARQUIT]
Construción pública da época romana, composta por unha gran sala rectangular, dividida en naves por filas de columnas, que pode ter unha ábsida nun extremo ou nos dous. De orixe dubidosa, na época clásica servía como centro de reunión, tribunal, lonxa, etc. A máis antiga da que se conservan vestixios en Roma é a basílica Emilia, edificada no foro no 179 a C. Anos máis tarde, Sempronio Graco construíu a basílica Sempronia, tamén no foro, que foi substituída pola basílica Xulia, construída en tempos de Augusto sobre unha idea de César. Coa ampliación do foro na época imperial, Traxano edificou a basílica Ulpia, con dúas ábsidas. A de Maxencio foi acabada por Constantino. As cidades romanas das provincias un pouco importantes dispuñan de basílica, xeralmente no foro.
-
s
f
[RELIX]
-
Igrexa que, pola súa forma, lembra á basílica romana. Na época paleocristiá e a partir de Constantino os grandes edificios de culto continuaron, ao longo do Imperio, a tradición da basílica clásica coas adaptacións que demandaba a liturxia. A basílica cristiá é de planta rectangular e o seu interior presenta dúas ou catro filas de columnas que a dividen en tres ou cinco naves; a central é máis grande e máis elevada cás laterais, para resolver o problema da iluminación interna. As columnas soportan galerías mentres que sobre as novas se ergue o teito, que acostumaba ser de madeira. A ábsida, situada no extremo da nave central, contén o altar. O plan basilical consérvase máis ou menos recoñecible en épocas posteriores. Algunhas igrexas carolinxias, románicas, góticas e ata do Renacemento son, a miúdo, imitación das basílicas romanas e paleocristiás.
-
Igrexa notable pola súa antigüidade e que goza de certos privilexios outorgados pola Santa Sé. O nome de basílica, con vacilacións, foi aplicado durante a Idade Media a moitos edificios de culto de planta ben diversa. Desde a Alta Idade Media foron consideradas basílicas “maiores” as catro principais de Roma: San Pedro do Vaticano, San Paulo Extramuros, Santa María a Maior e San Xoán do Letrán; as outras denomínanse “menores”. Por concesión papal obtiveron o título de basílicas menores diversas igrexas do mundo cristián importantes pola súa historia, polas súas proporcións e pola veneración que promoveron como santuarios.
-
-
vea basílica
[ANAT]
Gran vea do brazo, situada na cara interna do músculo bíceps, que se evidencia sobre todo enriba do cóbado.