batalla

batalla

(< lat v battuālĭa‘esgrima’)

  1. s f [BÉL]

    Acción na que dous exércitos inimigos se baten un contra o outro e que, segundo a súa envergadura, pode chegar a decidir o resultado dunha guerra. Durante a batalla os exércitos coordinan a súa capacidade de movemento, de ataque, de loxística, etc, co fin de acadar os resultados desexados. Se ben o concepto de batalla non ten mudado esencialmente no transcurso da historia, si o fixeron dabondo a contía dos elementos e as dimensións dos teatros de operacións. Así, de frontes reducidas, con armas de curto alcance e de mando directo no mesmo campo de batalla polo xeneral en xefe, pasouse a frontes de batalla de bastantes quilómetros dende a Segunda Guerra Mundial. Amais diso conseguiuse o equilibrio entre o fogo e o movemento, como resultado da mecanización dos avións, dos foguetes e dos medios de transmisión, que fan aumentar as dimensións da acción.

    Ex: O conflito entre os dous países derivou nunha batalla sanguinolenta.

  2. s f

    Discusión entre dúas partes para acadar un acordo.

    Ex: A batalla parlamentaria dura xa tres días.

  3. s f [BÉL]

    Cada unha das partes en que se dividía un exército.

  4. batalla aliñada

    En orde de batalla.

  5. batalla a ultranza [HIST]

    Entre os costumes cabaleirescos, combate a morte entre dous adversarios. Estaba precedida polo libramento de carteis ou de letras de batalla (letra de batalla), celebrada en campo neutral e presidida por un xuíz imparcial. O combate estaba regulado por normas precisas, recollidas en tratados.

  6. batalla campal [BÉL]

    Batalla entre dous exércitos dirimida nun terreo apto para manobrar a totalidade das tropas belixerantes.

  7. batalla naval

    Combate naval.

  8. cabalo de batalla

    Cabalo aguerrido.

  9. campo de batalla

    Lugar onde se libra a batalla.

  10. en batalla [HERÁLD]

    Figura posta unha en fronte da outra.

    Ex: As armas daquela liñaxe presentan dous leóns en batalla sobre campo de goles.

    Sinónimos: batallante.

Frases feitas

  • Cabalo de batalla. O centro do conflito nunha discusión ou nun debate.

  • De batalla. Aplícase ás pezas de vestir que se usan moi a miúdo.

Palabras veciñas

bataiola | batak | Batalha | batalla | Batalla Sindicalista, La | Batalla, La | Batalla, La