batán
(< lat battuĕre ‘bater’)
-
s
m
[ETN]
Máquina artesanal que funciona pola forza hidráulica, polo que se localiza en lugares que dispoñen de auga corrente. Coa forza motriz da auga ponse en movemento un mecanismo para bater o tecido, especialmente os panos e mantas, que saen amazocados do tear, desengraxados e cunha textura compacta e consistente para resistir mellor o frío e a choiva. Consta de tres pezas fundamentais que van unidas unhas ás outras: a roda motriz vertical que xira impulsada pola auga e move o eixe horizontal; dous mazos de madeira pendurados dunha bisagra de movemento constante e rápido para bater o tecido e, por último, unha pía ou cuba con auga onde se vai mollando o tecido. Os primeiros batáns apareceron en Europa na Idade Media. En Galicia constituían a base dunha industria doméstica moi produtiva no período 1770-1790, momento no que existían 166 batáns tradicionais establecidos principalmente no Baixo Ulla, a Alta Limia, o Alto Arnoia, a Terra de Montes e nas xurisdicións de Mondoñedo, Paderne, Allariz, Viveiro e Padrón. Nos primeiros anos do s XIX comezou o declive da industria bataneira debido a que se mantivo á marxe da mecanización do fiado de liño e la que se estaba a impor en toda Europa.
Ex: Aquela tarde oíase o forte ruído do batán de Taramundi.
Sinónimos: folón. -
s
m
[ETN]
Construción arquitectónica e mecánica que acolle o batán ou folón.
Frases feitas
-
Máis duro que un batán. Que ten moita resistencia.
-
Ser alguén un batán. Aplícase a algúen que fala moito e sen mudar de tema.