batea

batea

(<ár battiya)

  1. s f

    Plataforma flotante fixada no mar con cordas penduradas para a cría de mexillóns ou ostras. En Galicia desígnanse con este termo as amplas plataformas de madeira, de forma rectangular e cunha caseta no seu centro (estrutura cuberta para realizar os traballos), que están fondeadas nun morto de cemento, ao que se suxeita cunha cadea de ferro. Situadas en fileiras dentro das rías, empréganse como criadeiros de mexillóns. Estes moluscos son criados nunhas longas cordas, colgadas dende a estrutura da batea cara ao fondo, onde crecen e engordan para logo ser comercializados. O seu uso no país non se xeneralizou ata os anos 60 e 70, aínda que hai novas de iniciativas illadas durante o primeiro terzo do século XX. A instalación das bateas dentro das rías prexudicou seriamente as actividades das artes de pesca tradicional, xa que a lexislación vixente protexe a actividade mexilloeira en contra de aparellos como o xeito ou a rapeta, que serían daniños para esta cría do molusco ante o potencial perigo de enmalle. Do mesmo xeito, as grandes concentracións de bateas reducen o espazo no que estes mariñeiros poden actuar coas súas artes.

  2. s f [MAR]

    Embarcación plana empregada en ríos e zonas portuarias para o transporte e acarreo de mercadorías. Dáselle a mesma denominación a outra embarcación de pequenas dimensións, de forma rectangular e fondo plano; empregada en augas de pouca profundidade, como pantanos ou marismas, co obxecto de pescar, cazar ou mesmo facer deporte. Con embarcacións deste tipo practícase en Gran Bretaña un deporte chamado punting, de grande aceptación popular.

    Ex: Desde Rande pódense ver as bateas da ría de Vigo.

    Sinónimos: gabarra.
  3. s f [ETN]

    Artesa circular e achatada, que se emprega normalmente no lavado das areas auríferas.

  4. s f

    Forma do retablo con gardapó.

Palabras veciñas

Batchelor, Joy | 1 bate | 2 bate | batea | Batea | bateador -ra | 1 batear