Batista y Zaldívar, Fulgencio
Político e militar. Foi o home forte do país dende a década dos anos trinta ata o triunfo da Revolución Cubana. Alistouse no Exército en 1921 e no ano 1933 dirixiu o golpe de Estado que derrocaría o Presidente Carlos Manuel de Céspedes, fillo do primeiro Presidente da República. Convertido en xefe supremo do Exército, fíxose co control do goberno cubano a través dunha serie de gobernos títeres, nos que influíu tanto na súa elección como na súa destitución. En 1940 gañou as eleccións, grazas a ter todo o aparato do Estado ao seu favor, e pasou a ocupar a presidencia ata 1944, momento no que saíu derrotado fronte ao ex-presidente Ramón Grau San Martín. As medidas que levou a cabo tiveron un marcado carácter populista, buscando o apoio das masas mediante a promoción das obras públicas, a educación e a sanidade. En 1952 protagonizou un golpe militar, consentido polos EE UU, contra o entón Presidente Carlos Prío Socarrás, dando lugar a unha ditadura persoal caracterizada pola brutalidade e a corrupción xeneralizada. A Constitución liberal de 1940 foi derrogada, disolvéronse os partidos políticos e iniciouse a persecución dos inimigos políticos. No transcurso deste segundo mandato sucedéronse duras crises sociais e accións de grupos revolucionarios, das que a máis grave foi o fracasado asalto ao cuartel de Moncada (26.7.1953), protagonizado por douscentos homes liderados por Fidel Castro. As eleccións fraudulentas de 1954 ratificaron a Batista no seu cargo, quen se mantivo no poder ata o triunfo da Revolución (1.1.1959), cando se exilou en Santo Domingo, en Madeira e, finalmente, en España.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Banes, Cuba -
Deceso
Lugar : Marbella