Batlle y Ordóñez, José
Político e estadista. Foi un dos políticos latinoamericanos máis progresistas do seu momento e deu lugar á corrente política que leva o seu nome, o batllismo, que aínda hoxe conta con moitos seguidores no Uruguai. O seu pai, Lorenzo Batlle, xefe do Partido Colorado, fora Presidente da República durante os anos 1868 e 1872. Iniciouse na política no Partido Colorado logo de viaxar por Europa e ter estudado na Sorbonne. Xornalista de éxito, fundou en 1886 o diario El Día. Foi elixido deputado e senador entre os anos 1891 e 1898, e Presidente da República entre 1903 e 1907 e, nunha segunda ocasión, entre 1911 e 1915. Como xefe do executivo tivo que facer fronte a diversas rebelións departamentais e ao longo período de guerras civís, que se saldaron coa derrota e morte do líder do Partido Nacional (Branco), Aparicio Saraiva, en 1904. Batlle desenvolveu un programa de amplas reformas económicas e sociais, marcadas por unha política de nacionalizacións e creación de empresas públicas. As súas actuacións tiñan por obxecto favorecer o desenvolvemento económico e instaurar o ensino gratuíto, laico e obrigatorio, para o que creou numerosos institutos de ensino medio. Ademais de fomentar as obras públicas, lexislou sobre as condicións laborais, establecendo a xornada de oito horas e a indemnización laboral. Recoñeceu os dereitos das mulleres e promulgou a primeira Lei de Divorcio da América Latina. Na súa obra Apuntes de reforma de la Constitución (1913), establecía as bases dunha reforma que tería oportunidade de desenvolver durante o seu segundo mandato (1911-1915). Neste sentido, sentou as bases dunha reforma constitucional pola que se establecía un Consello Federal, un executivo formado polo Presidente e nove conselleiros no que estaba garantida a presenza da minoría e a separación da Igrexa e do Estado, que se plasmaron coa promulgación da Constitución de 1917. Entre os anos 1920 e 1926 presidiu o Consello Executivo Nacional.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Montevideo -
Deceso