Batumi
Capital da República Autónoma de Adxaria, Xeorxia, á beira do Mar Negro (137.100 h [1994]). Está situada na desembocadura do río Coruh, nunha chaira litoral. É a terminal do oleoduto que procede de Bakú; ademais, é un centro comercial de primeira orde especializado na exportación de petróleo, té, froita, seda e la. Na Antigüidade foi unha factoría grega, chamada polos romanos Bathys. Na época do Emperador Xustiniano recibiu o nome de Petra. Durante a Idade Media formou parte do Reino de Xeorxia e no s XVII foi ocupada polos turcos, que a posuíron ata que llela cederon aos rusos no ano 1878 en cumprimento dos acordos do Congreso de Berlín. Entre esa data e 1886 tivo a condición de porto franco. En virtude do tratado de Brest-Litovsk (3.3.1918), polo que Rusia abandonaba a Primeira Guerra Mundial, volveu á soberanía turca. Non obstante , a posterior capitulación dos Imperios Centrais provocou que o acordado nese tratado fose explicitamente anulado polo de Versailles. O acordo de Kars (16.10.1921) supuxo a súa reincorporación a Rusia (xa Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas) e a súa integración na entón República Socialista Federativa Soviética da Transcaucasia como capital de Adxaria (república autónoma da República Socialista Soviética de Xeorxia). O seu Estatus de capital de república autónoma mantívose logo da disgregación da Unión Soviética e da independencia de Xeorxia, o 9 de abril de 1991.