Bauer, Otto

Bauer, Otto

Político, economista e dirixente socialdemócrata. Foi un dos representantes máis destacados do austromarxismo. A súa teoría nacionalista recóllese en Die Nationalitätenfrage und die ósterreichische Sozialdemokratie (A cuestión das nacionalidades e a socialdemocracia austríaca, 1907), onde contrapón a visión cultural-nacional á visión política. Desenvolveu unha teoría das autonomías dentro do Imperio Austro-húngaro, xustificando a unión co Imperio Alemán. Despois da Primeira Guerra Mundial foi ministro de Asuntos Exteriores, promoveu a á esquerda da socialdemocracia austríaca e tivo un papel decisivo na fugaz segunda Internacional, en Viena. No seu libro Die österreichische Revolution (A revolución austríaca, 1923) expón cómo dentro do proceso revolucionario hai un momento político (toma do poder polo proletariado) e unha fase económica (construción do socialismo); amosouse partidario da folga xeral política, concepción que vincula coa súa análise do proceso de produción segundo modelos marxianos e, máis concretamente, co xuízo do Imperialismo; e en Die sozialdemokratische Agrapolitik (A política agraria da socialdemocracia, 1926) analiza os problemas do campo. Opúxose ás diversas Zusammenbruchstheorien, teorías que defendían o afundimento catastrófico do capitalismo. Exerceu un papel importante na posición dos socialdemócratas diante da toma de poder, proceso que freou por consideralo inviable. Logo da derrota fronte a Dollfuss e do ascenso do nazismo (1934), tivo que emigrar primeiro a Checoslovaquia e logo a París. Dende o exilio continuou dirixindo a socialdemocracia alemá e opúxose á Anschluss (anexión de Austria polos nazis) de 1938.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Viena

  • Deceso

    Lugar : París