Bausch, Philippine

Bausch, Philippine

Bailarina, coreógrafa e directora de escena, máis coñecida como Pina Bausch. Formouse en Alemaña e EE UU, e iniciou no seu país a súa carreira artística que vai desde unhas primeiras producións nas que segue o canon da danza clásica, ata aqueles traballos como Kontakthof (1978) ou Café Müller (1979) nos que transgride substancialmente os códigos tradicionais na procura dunha nova concepción dramatúrxica da danza e na formulación dos principios básicos do movemento que se coñecería como ‘teatro danza’. En 1973 creou o Tanztheater Wüppertal, grupo co que desenvolveu un tipo de representación escénica con elementos expresivos coreográficos e teatrais, nos que mestura disciplinas diversas como o teatro, o canto, o mimo ou o vídeo. Entre as súas escenificacións cómpre salientar, ademais, Bandoneon (1980), Walzer (1982) e Tanzabend (1984). Unha síntese entre artes escénicas é o que Pina Bausch constrúe a partir do Minimalismo, do Expresionismo, do movemento libre, do traballo con anovadoras partituras musicais, da preponderancia da imaxe e dos elementos visuais e, finalmente, dos conflitos, oposicións e contrastes entre o home e a muller. A pegada da súa estética no teatro galego atópase nas pautas de traballo e nas producións de Matarile Teatro.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Solingen, Renania do Norte, Alemaña