baxkir -ra

baxkir -ra

(< topónimo Baxkiria)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos baxkires ou á súa lingua; nela significa ‘os criadores de abellas’.

  2. s [ETN]

    Individuo do pobo baxkir.

  3. s [ETN]

    Pobo que habita principalmente na República Autónoma de Baxkiria e, nunha proporción menor, nas oblasti de Orenburg, Čel’abinsk, Saratov e Kujbyšev, e na República Autónoma dos Tártaros. O número da poboación baxkir é de 1.371.000 individuos. Ibn Fadlan menciona por primeira vez no s X os baxkires. A súa orixe remóntase á fundación do Imperio da Horda de Ouro. Posteriormente, formaron parte do khanato de Kazan’ e no 1552 pasaron á dominación rusa de Iván IV o Terrible. Rebeláronse varias veces desde mediados do s XVII ata finais de 1774.

  4. s m [LING]

    Lingua do grupo turco da familia altaica falada polos baxkires.

  5. literatura baxkira [LIT]

    Literatura cultivada en lingua baxkira. Ata o s XX non existiu unha escritura nin unha lingua literaria baxkira. Así, algúns autores dos ss XVIII e XIX escribiron en t’urki ou en tártaro. Existiu, sen embargo, unha poesía épica oral (kubairy) que influíu na poesía escrita, como é o caso do poeta-cantante Salavat Julajev (1572-?). O proceso económico do s XIX posibilitou a aparición dun movemento culto burgués. Non obstante , ata a aparición da literatura soviética non se pode falar dun verdadeiro rexurdimento literario. O iniciador foi Mazit Gafuri (1880-1934), inspirador da poesía revolucionaria de 1917.