Baza
Municipio da provincia de Granada, Andalucía, drenado polo río Baza (20.685 h [1996]). É un centro da subárea comercial da Hoya de Baza, onde persisten pequenas industrias de carácter artesanal (curtidos, olería, sombreiros). Posúe establecementos balnearios que explotan os mananciais de augas sulfurosas. Foi a antiga Bastia, capital da Bastetania en tempos dos romanos. Estivo dominada polos visigodos e despois polos árabes, que a chamaron Batza. Foi un dos últimos núcleos do Reino de Granada que ofreceu resistencia aos Reis Católicos; sen embargo, logo de máis dun ano de sitio, caeu no seu poder o 4 de decembro de 1489. A cidade de Baza mantén restos da antiga fortaleza musulmana, dos baños árabes e das murallas. Así mesmo, cómpre salientar a Colegiata de la Anunciación, de estilo gótico.